CRTVG

Buscar

Cataluña prorroga o peche da hostalería 10 días máis

Publicado o 12/11/2020 14:39

Baixa lixeiramente a presión nas UCI dos hospitais cataláns e minoran os contaxios. Pero a comunidade rexistra este xoves máis de 3.700 novos casos e 141 falecidos. Por iso a Generalitat desoe o sector da hostalería, e prorroga o peche de bares e restaurantes ata o 23 de novembro.

Alba Vergés, conselleira de Saúde da Generalitat, di que "é necesario facer un esforzo máis para consolidar a baixada, por iso prorrogamos as medidas durante polo menos 10 días máis".

En Asturias, o comité de crise estuda este xoves a posibilidade de flexibilizar algunhas medidas que lle afectan ao pequeno comercio. Pero o presidente do Principado recoñece que non se está logrando dobregar a curva de contaxios, a pesar de restricións como o peche da hostalería e da actividade non esencial.

"Controlar ben a situación na primeira fase, fíxonos baixar a garda. Poucas medidas máis nos quedan. Apelo á cidadanía a ser consciente de que nos temos que confinar, independentemente de que haxa norma ou non", di Adrián Barbón, presidente de Asturias.

Cunha media diaria de 18 falecementos, Asturias está entre as comunidades, xunto con Andalucía e Murcia, que notifican máis mortes diarias que na primeira onda da pandemia. As cidades autónomas de Ceuta e Melilla tamén superan a medida diaria de falecementos, e Aragón xa a iguala. Cantabria é outra das rexións que endurece as medidas. Adianta o toque de queda ás 10 da noite, e tamén prorrogará o peche perimetral da comunidade.

Noticias web

12/11/2020