CRTVG

Buscar

Todas as comunidades piden pasar á fase 1 agás Castela e León e Cataluña

Publicado o 06/05/2020 18:39

A maioría das comunidades entenden que cumpren cos requisitos e solicítanlle a Sanidade que lles autorice o paso á seguinte fase da desescalada, a que permite reunións de ata dez persoas, a apertura do comercio sen cita previa e das terrazas ao 50%.

• Madrid

A comunidade de Madrid pedirá ao Ministerio de Sanidade pasar á fase 1 de desescalada, segundo decidiu o Consello de Goberno nunha reunión renovada esta tarde despois de que pola mañá se ausentase antes de tempo a presidenta, Isabel Díaz Ayuso, para asistir a un acto en Móstoles.

Fontes do Goberno rexional informaron de que a intención da Comunidade de Madrid é pasar á fase 1 o 11 de maio "con moita prudencia" e "con medidas de protección individual a través de máscaras". A decisión tomouse tras un debate no que se enfrontaron as posturas de Ayuso (PP), que consideraba que Madrid aínda tiña que reducir a porcentaxe de enfermos en Unidades de Coidados Intensivos, e o vicepresidente rexional, Ignacio Augado (Cs), que defendía que a rexión está preparada para pasar á fase 1 xa que ten "un sistema sanitario robusto".

• Cataluña

A conselleira de Saúde da Generalitat, Alba Vergés, anunciou que o comité técnico do plan de Protección Civil de Cataluña propuxo ao Goberno que as rexións sanitarias de Alto Pireneo e Arán, Camp de Tarragona e Terras do Ebro pasen o luns á fase 1 da desescalada o vindeiro luns. Aseguran que identificaron un risco epidemiolóxico baixo nesas tres rexións. 

As rexións de Lleida, Cataluña Central, Xirona, Metro Norte e Metro Sur teñen un risco moderado, segundo Vergés, mentres que a cidade de Barcelona é o único territorio cun risco epidemiolóxico moderado-alto.  Así o explicou nunha conferencia de prensa telemática en que tamén participou Joan Guix, secretario de Saúde Pública. 

• Galicia

Despois de que concluíra a reunión telemática entre o equipo técnico do ministro Salvador Illa e o equipo da Consellería de Sanidade, encabezado polo conselleiro, Jesús Vázquez Almuíña, a proposta técnica de Galicia formula o paso á fase 1 de todas las unidades territoriais da comunidade. 

Castela e León

Castela e León confirma a proposta enviada ao Ministerio de Sanidade para encamiñar o luns a nova etapa de desescalada e supón que só 53.000 habitantes de 26 zonas básicas de saúde do ámbito rural pasarían á fase 1, ao sumar sete días sen casos. 

• Asturias

O Principado de Asturias pediulle ao Goberno central entrar na fase 1 e adiantar a fase 2 en trece 'concejos' agrupados na zona do Valle del Navia-Oscos-Eo, no extremo occidental, e nos Valles del Oso, na zona central, dada a baixa incidencia da pandemia nestes territorios.

Estremadura

A Junta de Extremadura rexistrou hoxe a solicitude para que as súas dúas provincias pasen á fase 1. Así o anunciou nunha conferencia de prensa o conselleiro de Sanidade, José María Vergeles, despois da reunión que mantivo o Goberno rexional cos Grupos Parlamentarios da Asemblea.

• Andalucía

A Junta de Andalucía propúxolle ao Goberno que todas as provincias pasen á fase 1 do plan de desescalada. O conselleiro de Saúde e Familias, Jesús Aguirre, solicitou tamén que tres dos 33 distritos sanitarios de Andalucía, os de Granada e Metropolitano de Granada, e o distrito Málaga, conten cunha serie de condicións na transición. Nunha comparecencia esta tarde no Pleno do Parlamento andaluz, o conselleiro explicou que estas condicións se xustifican porque nestas tres áreas a taxa de incidencia de PCR positivas (sen institucionalizados) aínda está nunha franxa de 10 a 29,99 persoas por cada 100.000 habitantes, mentres que nas restantes 30 o índice está entre "0 e 9,99". 

Nestes tres distritos non se permiten funerais nin velorios, segundo o escenario remitido ao Ministerio de Sanidade, "máis aló da estrita intimidade", nin a celebración de reunións, seminarios e congresos científicos e innovadores. Tampouco os actos nin espectáculos ao aire libre, nin os mercados nin actividades similares, segundo detallou o conselleiro, que explicou que, en definitiva, trátase de evitar a concentración innecesaria de persoas máis aló da realización da súa actividade laboral.

• Aragón

Esta comunidade tamén solicita pasar á fase 1 en todo o seu territorio. Tamén pedirá anticipar a fase 2 nalgunhas zonas do medio rural. Malia que terá que ser obxecto dunha negociación co Ministerio de Sanidade.

• Castela-A Mancha

Piden pasar á fase 1 e un cambio na franxa horaria para saír a pasear.

• Cantabria

A comunidade pediu avanzar á fase 1 e adiantar actividades da fase 2, dado que "cumplen os criterios fixados". Entre as propostas, a práctica dos bolos, a pesca de recreo, a apertura de centros de ITV ou os concesionarios sen límite de dimensións.

Será un equipo de técnicos do ministerio o que tome cada decisión.