CRTVG

Buscar

Cataluña non descarta confinamentos domiciliarios se os brotes de Lleida non melloran

Publicado o 06/07/2020 19:30

As autoridades sanitarias catalás están a buscar reforzos sanitarios para o hospital de Lleida e os ambulatorios da comarca do Segrià, confinada perimetralmente desde o sábado, porque os 14 brotes detectados, dez deles en empresas frutícolas e dúas en xeriátricos, convertéronse en transmisión comunitaria. 

Iso significa que o virus volve campar sen control na comarca, aínda que o fai a unha forma menos veloz e con menos virulencia -hai máis casos leves e asintomáticos- que no inicio da pandemia. A conselleira de Saúde, Alba Vergés, admitiu que na comarca do Segrià, que agrupa 38 municipios onde viven unhas 210.000 persoas, hai "transmisión comunitaria", e non descartou ter que prolongar este confinamento máis de 14 días se non descenden os casos positivos

Este luns hai ingresadas en Lleida 57 persoas con COVID-19, oito delas na UCI e 18 en hospitais privados, mentres a carpa exterior instalada no hospital de Lleida como anexo de Urxencias empezou a funcionar este domingo como nova sala de espera e de cribado para evitar aglomeracións e permitir circuítos 'limpos' de coronavirus. 

A comarca do Segrià acumula, desde o inicio da pandemia, un total de 2.541 casos positivos (341 en residencias) por coronavirus e 136 defuncións. Ante esta situación, Vergés pediu aos ilerdenses "reducir a actividade social ao máximo" e interpelou o resto de poboación de Cataluña: "O que pasa en Lleida débenos alertar a todos".

Vergés xustificou a medida do confinamento perimetral do Segrià porque detectaron un incremento alarmante dos casos, de 188 positivos a semana do 22 de xuño a 549 a do 28 de xuño en toda a rexión sanitaria de Lleida, pero cos casos concentrados sobre todo na área Básica de Saúde do Segrià, "mentres que as outras están estables", e mesmo os brotes do Val de Arán e de Guissona, na Segarra, xa os dan por controlados.

A xerente da Rexión Sanitaria de Lleida, Divina Farreny, pediu máis persoal sanitario para reforzar a atención no Segrià, onde protexeron as residencias de anciáns prohibindo as visitas e facendo cribados, tanto se teñen ou non casos positivos. Nesta liña, Pere Godoy advertiu de que "se en dúas semanas non hai cambio da situación no Segrià, teremos que expornos novas medidas como o confinamento domiciliario". 

Segundo Godoy, o aumento das "cadeas de transmisión" augura que nos próximos días haxa un "aumento de casos", e chamou a ser "persistentes e pacientes". O perfil actual da maioría de infectados no Segrià son persoas "laboralmente activas" e con bo estado de saúde previo, polo que hai menos ingresos en UCI que en marzo, cando a maioría de afectados eran maiores.

As autoridades sanitarias non descartaron que se en 14 días non baixa a incidencia, se teña que ordenar o confinamento da poboación do Segrià, onde algúns alcaldes mostraron o seu desacordo co confinamento perimetral, que vixían un centenar de mossos d' esquadra repartidos por todas as entradas e saídas da comarca. O xefe de Epidemiología do Hospital Clínic, Antoni Trilla, avisou de que "o confinamento domiciliario é unha alternativa que considerar" no Segrià, aínda que puntualizou que "hai que dar unha certa marxe de tempo para ver como van os casos e se se estabilizan".