CRTVG

Buscar

Cataluña, Madrid e Euskadi estenden os cribados

Publicado o 26/08/2020 18:42
Cataluña, Madrid e Euskadi estenden os cribados

Varias comunidades autónomas estenden os cribados masivos entre a poboación para intentar atallar os contaxios que poidan causar persoas asintomáticas portadoras da covid-19.

Os casos positivos multiplícanse nas zonas da comunidade de Madrid máis afectadas polo virus e Cataluña informou de 789 novos contaxios confirmados por probas PCR e 13 falecidos nas últimas 24 horas. As autoridades sanitarias catalás estenderon os cribados masivos de PCR ás localidades ilerdenses de La Seu d'Urgell e Alcarras e a barcelonesa de Vic.

Na capital da comarca de Osona as probas prolongaranse ata o venres e están dirixidas á poboación asintomática de entre 15 e 45 anos. Nas últimas 24 horas, Cataluña acumulou 789 novos contaxios confirmados por PCR e 13 falecidos.

Segundo os datos ofrecidos pola Generalitat, nos hospitais cataláns hai ingresadas 662 persoas por coronavirus, delas 136 nos módulos UCI.

En Madrid, os cribados céntranse nas zonas máis afectadas polo virus, Ponte de Vallecas, Usera e Villaverde.

Nestes tres distritos do sur da capital, os casos por cada cen mil habitantes duplicáronse nas dúas últimas semanas.

O persoal do hospital de Toledo denunciou diante da xerencia a ruptura do protocolo anticovid-19 por parte dunha parturiente, que non quixo poñer a máscara, e que ao dar posteriormente positivo obrigou a poñer en corentena parte do persoal da sala de partos. 

En Euskadi, o aumento de contaxios, 700 na última xornada, ten un dos seus principais focos en Gernika e ameaza con trasladar o acto de toma de posesión do lehendakari vasco previsto para o 5 de setembro nesta localidade biscaíña.

Noticias web

26/08/2020