CRTVG

Buscar

Cataluña e Navarra rexistran o maior incremento de contaxios de España

Publicado o 12/10/2020 14:29

As comunidades que notifican máis contaxios hoxe son Cataluña e Navarra. O Goberno foral anunciaba esta mañá os seus peores datos da pandemia, con máis de 600 casos por cada 100.000 habitantes. 

O ritmo de expansión do virus en Cataluña está poñendo en alerta ás autoridades sanitarias. Con máis de 1.800 novos contaxios notificados hoxe, en dúas ou tres semanas a situación podería estar tan mal coma en Madrid en quince días, segundo advertía o secretario de Saúde Pública.

Increméntase o risco de repuntas, sobre todo, na cidade de Barcelona. Hai confinamentos en dúas residencias universitarias: 200 estudantes do colexio maior de Peñafort-Montserrat súmanse aos 600 da residencia Aleu que están confinados desde o sábado.

Montse Lavado, directora do colexio maior de Penyafort: "Os que non se atopan moi ben, son síntomas moi leves. Tomárono moi ben".

A outra comunidade que está rexistrando cifras alarmantes é Navarra. A situación empeorou moito nas últimas horas. Superan os 600 casos por cada cen mil habitantes. A presidenta do goberno navarro aseguraba esta mañá que non barallan o peche da comunidade foral.

María Chivite, presidenta do Goberno de Navarra. "Se tivésemos que tomar medidas máis restritivas, non nos tremería a man en facelo. Quizais o estado de alarma é máis para cuestións de confinamento nos domicilios e creo que esa medida é o último do último que se tería que tomar".

Para atallar a expansión dos contaxios, a partir de mañá haberá restricións na hostalería e comercios e limitacións nas relacións sociais durante 14 días.

"Todo o foco se pon na hostalería. Todo o marrón o está comendo este sector". "Hai que aguantar, ser responsables", opinaban nas rúas de Navarra. 

En Madrid, catro novas zonas básicas de saúde, en Colmenar Viejo, Arganda del Rey, Coslada e Collado Villalba, teñen desde hoxe mobilidade restrinxida por ter unha incidencia de máis de 750 casos por cada 100.000 habitantes.

O conselleiro de Sanidade anunciaba esta mañá que pedirán o levantamento do estado de alarma se se confirma a tendencia á baixa que, asegura, revelan os datos.

 

Noticias web

12/10/2020