CRTVG

Buscar

Castela e León, Euskadi e Murcia pechan bares e restaurantes

Publicado o 06/11/2020 21:40

O Goberno de Andalucía prepara novas restricións para o vindeiro domingo. Quere frear a transmisión do virus na comunidade que este venres notificou máis de 4.700 positivos. A continuación, con 4.300, sitúase Cataluña, onde se vai prorrogar quince días o toque de queda. A Generalitat asegura que xa se superou o pico máximo de contaxios da segunda vaga.

Madrid rexistrou algo máis de 2.200 casos. Confinada de xeito perimetral nesta ponte da Almudena, estende as restricions a 41 zonas básicas de saúde. Castela e León, cun número similar de contaxios, pecha os centros comerciais e a hostalería. Tamén Euskadi, que sumou 1.300 positivos, clausura bares, restaurantes e cafeterías, polo menos, durante o mes de novembro.

Murcia é outra das comunidades que comeza a fin de semana sen hostalería. En Cantabria e Aragón só poderán funcionar as terrazas e, en Valencia, quedan confinados os concellos de Elda e Petrer, en Alacant.

Castela-A Mancha, que notificou un milleiro de positivos, reduce o límite de ocupación nos bares e restaurantes, igual que Estremadura, onde a presión asistencial comeza a ser importante.

Noticias web

06/11/2020