CRTVG

Buscar

O xoves haberá novas declaracións no caso Déborah Fernández

Publicado o 16/02/2020 13:37

Este xoves prestarán testemuño no xulgado número dous de Tui o pai da moza e unha amiga que falará por videoconferencia. Tras a reapertura do caso da morte da moza viguesa xa foron trece as persoas que prestaron declaración; moitas delas, próximas ao principal sospeitoso, coma seus pais.

O xoves prestará declaración no xulgado número dous de Tui o pai de Déborah Fernández Cervera Neira. Será a primeira vez que dea o seu testemuño en sede xudicial. Tamén o fará unha das máis íntimas amigas de Déborah, que declarará a través de videoconferencia, xa que non reside en Galicia. Tras a reapertura do caso en decembro do ano pasado xa prestaron declaración os pais do principal sospeitoso, un exnoivo da moza e algúns dos amigos del e de Déborah. Nunca o fixo o principal sospeitoso.

A reapertura do caso e as novas declaracións producíronse tras unha intensa campaña da familia e dos amigos de Déborah Fernández Cervera en prensa e redes sociais polo temor a que a prescrición do caso en 2022 deixase sen esclarecer a desaparición e morte da moza viguesa o 30 de abril de 2002.

Pasados xa case 18 anos, a Policía comezou a sospeitar hai tempo que o cadáver de Déborah se colocou sobre un escenario artificial nunha gabia de Portecelo, no concello do Rosal, cheo de pistas falsas e restos biolóxicos colocados logo do crime.

Noticias web

16/02/2020