CRTVG

Buscar

Case o 20 % dos locais de hostalería non abriron dende a fin do estado de alarma

Publicado o 21/07/2020 21:10

Datos preocupantes como que 40.000 negocios de hostalería xa pecharon as súas portas en toda España e case o 20 % aínda non volveu abrir desde que rematou o estado de alarma. As previsións apuntan a unha caída da facturación anual no sector do 50 %.  

Este estudo realizado pola organización Hostalería de España non inclúe os datos detallados por comunidades autónomas. Pero como dato significativo da situación do sector, aquí en Santiago e en plena semana das Festas do Apóstolo os hostaleiros tan só esperan acadar un 30 % de ocupación cando o normal calquera outro ano sería estar practicamente nestes días ao 100 %.

O 20 por cento dos establecementos hostaleiros españois non volveron abrir a pesar do remate do estado de alarma.

Iso di a enquisa realizada por Hostalería de España, que é a organización empresarial que representa a bares, restaurantes, cafeterías, pubs e aloxamentos turísticos.

Segundo ese mesmo traballo, 40.000 negocios do sector xa pecharon e a previsión é que de aquí a fin de ano pechen outros 20.000 máis por falta de viabilidade.

Calculan que en 2020 van facturar ata 67.000 millóns de euros menos ca o ano pasado e perderán ata 400.000 empregos directos.

E iso supoñendo que os rebrotes non se agraven.

Os hostaleiros piden axuda ás administracións; fundamentalmente flexibilizar os ERTE e moderar os impostos, como fixeron noutros países europeos.

Lembran que antes da crise da covid-19 o sector supoñía máis do seis por cento do PIB español e case o nove por cento do emprego e prognostican que iso non se vai recuperar en ningún caso antes de 2022.




 

Noticias web

21/07/2020