CRTVG

Buscar

Case 6.000 persoas compiten por unha das 209 prazas que oferta o Sergas

Publicado o 07/04/2019 20:16

Máis dun 65% dos algo máis de nove mil admitidos nas oposicións do Sergas acudiron, esta fin de semana, ata o recinto da Feira Internacional de Galicia en Silleda para competir por unha das 209 prazas ofertadas.

Cinco mil novecentas dezaoito persoas presentáronse esta fin de semana aos exames da oferta pública de emprego do Servizo Galego de Saúde (Sergas) na categoría de grupo auxiliar da función administrativa.

Son 209 as prazas polas que pelexan, 93 delas correspóndense á quenda de acceso libre, 105 á de promoción interna e 11 á de discapacidade. Máis do 17% dos admitidos ten actualmente un vínculo activo co Sergas e máis do 80% do total das convocadas son mulleres.

Falan os participates: "Pois véxoo bastante complicado, igual ca as veces anteriores, o mesmo, igual de difícil, pero desta vez con menos presión xa, a medida que van pasando os anos, xa me dá un pouco igual. A ver se teño sorte e só aínda que sexa para a puntuación das listas, para subir e ter máis opcións de contratos".

"Hai que intentalo, non? Se non o intentas, non tes a oportunidade de entrar. Entón, pois nada, aquí estamos para participar".

"Poucas prazas, para moita xente. Eu veño por promoción interna, para presentarme que eu xa estou traballando no complexo hospitalario de Montecelo".

O vindeiro 12 de maio terá lugar a oposición para persoal de enfermaría. Dende a Xunta recordan, ademais, que o prazo para apuntarse nas oposicións de acceso libre para cubrir 205 prazas de persoal subalterno da Administración galega remata o martes, día 9 de abril.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

07/04/2019