CRTVG

Buscar

Casado reúnese con Arrimadas para tentar posibles coalicións

Publicado o 18/02/2020 12:24
Casado reúnese con Arrimadas para tentar posibles coalicións

O líder do PP, Pablo Casado, e a portavoz parlamentaria de Ciudadanos, Inés Arrimadas, reuniranse este martes no Congreso dos Deputados para tentar acordar fórmulas coas que concorrer ás eleccións en Galicia, País Vasco e Cataluña.

Casado, nunha entrevista radiofónica, avanzou que a reunión con Arrimadas se celebraría durante a semana, e fontes de Cs, minutos despois, concretaron: a entrevista terá lugar este mesmo martes no Congreso dos Deputados.

De acordo coa versión destas mesmas fontes da formación laranxa, Arrimadas púxose onte en contacto con Casado para solicitar unha reunión.

Esa petición produciuse despois de que o presidente da Xunta e candidato á reelección, Alberto Núñez Feijóo, deixara no aire a posibilidade de concorrer conxuntamente con Cs nos comicios do 5 de abril.

No País Vasco e en Cataluña os populares tampouco se mostraron receptivos a, por exemplo, compartir listas electorais con representantes de Ciudadanos.

Así que Casado e Arrimadas abordarán este martes posibles coalicións, para o que queda de prazo, nos casos das eleccións galegas e vascas (5 de abril), dous días.

Na entrevista, o presidente do PP insistiu en que para os comicios galegos non é necesaria esta coalición, xa que o PP é unha marca que "xa aglutina" todo o electorado do centrodereita nas súas siglas e sería coma se o PSOE na súa época de maioría en Andalucía renunciase ás súas para ir co Partido Andalucista.

En todo caso, sinalou que sobre Galicia "están a falar directamente" o presidente da Xunta e do PP galego, Alberto Núñez Feijóo, e o secretario xeral de Ciudadanos, José Manuel Villegas, e anunciou que el mesmo verase con Arrimadas esta semana.

Terá que ser antes do xoves, cando termina o prazo para rexistrar as coalicións para as eleccións autonómicas en Galicia, mentres que para Euskadi termina o venres.

Á parte deste encontro mantéñense os contactos entre o secretario xeral do PP, Teodoro García  Egea, e o secretario xeral do grupo de Ciudadanos, José María Espejo, indicou Casado, quen espera que finalmente sexa posible un acordo entre os dous partidos para ver como se "optimiza máis" o voto.