CRTVG

Buscar

Casado pon en dúbida que Sánchez queira pacto e pide acordo no Parlamento

Publicado o 15/04/2020 13:08

O líder do PP, Pablo Casado, puxo en dúbida que o presidente do Goberno, Pedro Sánchez, queira pactar cos partidos da oposición a reconstrución de España tras o coronavirus e instouno a que se realmente desexa acordo, que o faga no Parlamento "con luz e taquígrafos".

Na primeira sesión de control ao Goberno desde que se decretou o estado de alarma pola COVID-19, Sánchez respondeulle reclamando unha "nova forma de facer política" porque a envergadura da crise económica e social será tal que fai falta "o concurso de todos" e volveu a apelar "de corazón" á unidade dos partidos.

Casado recriminou que Sánchez "impón lealdade e unidade cunha man mentres con outra solta o  doberman clásico do PSOE" e díxolle que non é o máximo representantes dos españois, "non é o rei", ao que lle reprochou que non defenda, por moito que convoque á oposición a unha rolda de consultas.

Unha rolda que se inicia mañá, segundo A Moncloa, cunha reunión entre ambos á que o líder da oposición aínda non dixo se acudirá, porque os acordos baséanse na confianza e de Sánchez "xa non se fía ninguén", afirmou.

Nesta sesión plenaria volveu lanzar duras críticas contra a xestión do Goberno ante a crise do coronavirus, pola que lle preguntou a Sánchez, ao que acusou de estar "a enganar" a todo o mundo.

Por iso, pediulle que non tente vender "o seu teatro de monicreques" en que non se sabe o guión nin os personaxes, só que cando caia o pano fará a todos responsables dos seus erros. E dixo que a "verdadeira distancia" entre os dous é que a Sánchez "só lle importae o poder" e ao PP, só os españois.

"Se quere pactar algo, cousa que dubido, fagámolo con luz e taquígrafos", instou Casado, tras o que citou varias comisións do Congreso e o Senado para chegar a acordos, como a Comisión de Comunidades Autónomas ou a do Pacto de Toledo, e pediulle "humildade" e que se poña a gravata de loito polas vítimas.

Sánchez replicou que sente todos os falecidos "como propios" e comprometeu que terán o seu "merecido recoñecemento" cando se logre a "vitoria total" contra a pandemia do coronavirus, ante a que considera que as medidas de confinamento están a funcionar e os españois recuperarán "dentro de pouco" unha "nova normalidade".

Para esta vitoria sobre a COVID-19 situou como imprescindible a "unidade" entre a política e a ciencia, entre o Goberno, as autonomías e os concellos, pero tamén co conxunto de partidos para un acordo pola reconstrución social e económica e desexou que "oxalá" se atopen, neste sentido, nos próximos días.