CRTVG

Buscar

Casado mantén que non apoiará uns presupostos deseñados por Podemos

Publicado o 02/09/2020 16:35

• O Goberno lamenta que o líder do PP siga na confrontación


 

O primeiro foi o do PP, Pablo Casado, con quen non se reunía dende febreiro. Hoxe falaron dúas horas. Houbo puntos de encontro. Por exemplo, na creación dunha Axencia Nacional para a Reconstrución que xestionaría os fondos europeos ou nun gran pacto en materia sanitaria. Pola contra, o líder do PP volveu amosar a súa negativa a renovar diversos órganos e a apoiar os presupostos xerais do Estado.

O líder do PP, Pablo Casado, saíu da reunión co presidente do Goberno, Pedro Sánchez, sen variar a súa postura e mantén a súa oposición para pactar os orzamentos ou a renovación dos órganos constitucionais, aínda que cre que é posible chegar a outros acordos no ámbito económico e sanitario.

Na conferencia de prensa, tras a reunión de case dúas horas, dixo que agora "a pelota está no tellado" de Sánchez e confesou que non sae "satisfeito" do encontro, senón que segue "moi preocupado" porque o presidente pide unha "adhesión inquebrantable a unha xestión moi mala".

Aínda que asegurou que por el "non vai quedar" rexeitou negociar os orzamentos estatais, para os que se mostrou convencido de que Sánchez xa conta cos apoios suficientes, porque "ninguén" llo negou, e só busca un "exercicio de aclamación" do PP e utilizar a este partido como "atrezo".

Casado xustificou que non pode apoiar o orzamento dun Goberno con Podemos como socio, un partido "comunista, que pide a abdicación do rei, defende a autodeterminación de Cataluña e quere 'branquear' a Bildu" e á parte deste principal escollo argumentou que non coñece nin unha liña das contas públicas.Tamén que estes orzamentos non son necesarios para recibir as axudas europeas. No que respecta a a renovación dos órganos constitucionais,

Casado tamén asegura que non pode negociar co Goberno no que está Podemos, un partido imputado por financiamento ilegal, polo que "o problema téñeno eles e non o PP", dixo a Sánchez. Así, aínda que afirmou que por el "non vai quedar", os únicos acordos que se albiscan entre o PP e o Goberno tras este encontro, son unha reforma legal para afrontar o coronavirus, a creación dunha Axencia para a Recuperación Económica de España, ou pactar o plan de recuperación e resiliencia para a UE.

O Goberno lamenta que o líder do PP siga na confrontación

A portavoz do Goberno, María Jesús Montero, criticou que o presidente do PP, Pablo Casado, siga na "confrontación", no  frontismo" e no "obstrucionismo" tras rexeitar a oferta do Executivo de despolitizar a xestión da pandemia.

En conferencia de prensa para dar conta da reunión entre o presidente do Goberno, Pedro Sánchez, e Casado no Palacio da Moncloa, Montero lamentou que o PP, ao seu xuízo, vaia a seguir utilizando a crise económica e social pola covid-19 con fins electoralistas e para desgastar o Goberno.

Tamén reprochou a Casado que avanzase que non pensa facilitar a renovación dos órganos constitucionais, como o Consello Xeral do Poder Xudicial, durante esta lexislatura, "incumprindo a Constitución" ou que rexeitase tamén calquera negociación sobre os orzamentos.

"Atopamos ao mesmo Casado de hai dous anos, que di que esta dando un xiro ao centro da política, pero cando falamos con el, só vira sobre si mesmo", alertou a ministra, para quen o líder do PP perde unha "oportunidade de ouro" ao seguir no "non é non" e negarse a alcanzar consensos.

 

Noticias web

02/09/2020