CRTVG

Buscar

Álvarez de Toledo ve un erro a súa destitución como voceira do Grupo Popular

Publicado o 17/08/2020 18:14

Pablo Casado substitúe a Cayetana Álvarez de Toledo como voceira do Grupo Popular no Congreso e nomeará no seu lugar a Cuca Gamarra, vicesecretaria de Política Social do partido.

Segundo unha nota remitida polo partido, Casado realiza este cambio como parte dunha remodelación do equipo directivo que situará a Ana Pastor como vicesecretaria de Política Social; e José Luis Martínez-Almeida como portavoz nacional do Partido Popular. Os cambios serán efectivos na Xunta Directiva Nacional convocada para o xoves.

Álvarez de Toledo tacha de "desditadas" as razóns para a súa destitución

Cayetana Álvarez de Toledo lamentou este luns a decisión do presidente do PP e tachou de "desditadas" as razóns argumentadas por Pablo Casado. "Lamento profundamente" unha decisión "prexudicial" para o grupo popular, o PP e a causa que defende esa formación, dixo Álvarez de Toledo en declaracións á prensa ante o Congreso dos deputados. 

Cayetana Álvarez de Toledo asegura que non tomou ningunha decisión sobre o seu futuro, e que nos próximos días comunicará se continúa no partido ou deixa a súa acta de deputada. Cre que a súa destitución é un erro, e afirma que sempre mantivo lealdade a Pablo Casado.