CRTVG

Buscar

Cargas policiais e máis de 150 detencións nunha xornada de protestas en París, á que se sumaron os chalecos amarelos

Publicado o 21/09/2019 21:05

Xornada de protestas en París. Estaban autorizadas dúas manifestacións: unha polo clima e outra contra a reforma das xubilacións pero tamén saíron ás rúas representantes dos chalecos amarelos.

As autoridades despregaron arredor de 7.500 policías en previsión de que se infiltrasen radicais.

Os axentes empregaron gases lacrimóxenos para frear a marcha do colectivo e realizaron máis de 150 detencións.

Esta muller di que non os move o vandalismo, que son pacíficos e que a policía os presiona tratando de que perdan o control.

Estoutra destaca que están no seu dereito a sumarse á protesta polo clima e pregúntalle a Macron por que os gasean.

Un home lamenta que as protestas se mostren sempre desde o ángulo da violencia e da represión policial e que as demandas queden en segundo lugar.

A mobilización coincide coa xornada do Patrimonio, que abre aos cidadáns os edificios máis emblemáticos da cidade, se ben algúns, como o Arco do Triunfo, non se incluíron por razóns de seguridade. Tamén se pecharon unha trintena de estacións do metro e acordoáronse barrios enteiros do centro.

As manifesacións dos chalecos amarelos empezaron hai dez meses contra a suba dos impostos aos carburantes e foron a máis en protesta pola resposta policial. A situación levou a Macron a anunciar un paquete de medidas económicas para mellorar as condicións de vida da clase traballadora.

Noticias web

21/09/2019