CRTVG

Buscar

A noite de revoltas e protestas en Cataluña deixa 125 feridos

Publicado o 16/10/2019 13:17

• O independentismo inicia cinco marchas a pé cara a Barcelona contra a sentenza

• O Goberno esixe a Torra que condene os incidentes violentos en Cataluña

• Sánchez reúnese con Casado, Rivera e Iglesias

O independentismo volve mobilizarse este mércores con cinco 'marchas pola liberdade' para protestar contra as condenas aos líderes do procés, que arrincan a primeira hora da mañá desde Xirona, Vic (Barcelona), Berga (Barcelona), Tàrrega (Lleida) e Tarragona e que avanzarán por etapas ata chegar o venres a Barcelona.

As cinco marchas están organizadas pola Asemblea Nacional Catalá (ANC), co apoio de Òmnium Cultural, aínda que tamén se adheriron os Comités de Defensa da República (CDR), que chamaron a "bloquear o país de punta a punta" durante os tres días que durará a iniciativa, con previsibles cortes na rede viaria catalá.

A primeira das cinco mobilizacións en poñerse en marcha é a que arrinca en Tàrrega (Lleida), ás 7.00 horas, seguida da de Tarragona ás 7.30 horas, a de Berga (Barcelona) ás 8.00 horas e a deVic (Barcelona) ás 8.30 horas. Ás nove da mañá iniciarase a que ten a súa orixe en Xirona, na que participarán familiares de procesados como Montse Bassa, irmá da ex-conselleira Dolors Bassa, ademais de Anna e Montse Puigdemont, irmás do ex-presidente Carles Puigdemont.

Os manifestantes que participen nas marchas percorrerán os aproximadamente cen quilómetros ata Barcelona por etapas, unha pola mañá e outra pola tarde, e a organización habilitará comidas a prezos simbólicos e mesmo aloxamento gratuíto nas localidades onde terminen as etapas.

Onte á noite, a segunda de disturbios nas rúas de Barcelona, comezaba ao remate desta multitudinaria concentración organizada pola Assemblea Nacional Catalana e de Òmnium Cultural fronte á sede da Delegación do Goberno en Barcelona para condenar a sentenza do procés e pedir a liberación dos políticos presos. Segundo a Garda Urbana, participaron 40.000 persoas.

Mentres boa parte dos concentrados participaban na sentada pacífica con candeas, a unhas rúas de alí, manifestantes convocados polos CDR comezaron a lanzar obxectos contra as forzas de seguridade que poñían barreiras para blindar a Delegación.

A tensión foi aumentando a partir das nove da noite. Os manifestantes intentan romper o cordón policial para alcanzar a Delegación do Goberno. Tiran os valos metálicos, prenden lume a barricadas e contedores.

Comezan as cargas de Mossos d'Esquadra e Policía Nacional. Repítense as escenas de carreiras, golpes e lume.

En total, segundo un reconto realizado este mércoes, os manifestantes independentistas prenderon lume onte á noite a un total de 157 barricadas nos incidentes rexistrados no centro de Barcelona, mentres que catro furgonetas dos Mossos d'Esquadra quedaron inutilizadas como consecuencia dos disturbios, segundo informou o Goberno.

A cousa repetiuse nas outras capitais de provincia ao termo das manifestacións convocadas ante a Subdelegación do Goberno. 

Os altercados rexistrados este martes  saldáronse con 125 feridos que foron atendidos polo Sistema de Emerxencias Médicas (SEM), 18 deles trasladados a hospitais, aínda que ningún deles reviste gravidade. 

Fontes dos Mossos d'Esquadra e do Goberno informaron de que nos incidentes resultaron feridos 57 axentes da policía autonómica e outros 18 da Policía Nacional, algúns dos cales foron atendidos en mutuas, polo que non figuran entre o balance de lesionados facilitados polo SEM. 

Segundo datos deste servizo, a maior parte dos feridos rexistráronse nos incidentes que tiveron lugar en Barcelona, onde se atenderon a 74 persoas, 8 das cales tiveron que ser trasladadas a centros hospitalarios e o resto recibiron o alta tras ser atendidos polos servizos sanitarios no lugar dos feitos. 

Outras 14 persoas resultaron feridas como consecuencia dos incidentes producidos en Gurb (Barcelona), onde os Mossos d'Esquadra tiveron que intervir para reabrir a C-17, no acceso ao Eix Transversal, tras seis horas cortado ao tráfico pola presenza de activistas independentistas na vía. Un deses feridos requiriu asistencia hospitalaria, mentres que os 13 restantes recibiron o alta tras ser atendidos "in situ". 

Nos incidentes rexistrados en Lleida producíronse 15 feridos, un deles trasladado a un centro sanitario, mentres que en Tarragona cinco dos 11 feridos foron trasladados a centros sanitarios. 

As protestas ocasionaron así mesmo sete feridos en Xirona, dous dos cales requiriron asistencia hospitalaria, mentres que en Sabadell (Barcelona) contabilizáronse outros dous feridos (un deles trasladado a un hospital). En Mollet (Barcelona), dous manifestantes resultaron feridos aínda que foron dados de alta no mesmo lugar dos feitos.

O Ministerio do Interior xa anunciou que vai manter, e mesmo reforzar, o dispositivo especial de antidisturbios en Cataluña ata o 1 de novembro. As protestas nas rúas continuarán. Hoxe comezan as marchas de tres días que confluirán o venres 18 en Barcelona, día en que está convocada xornada de folga xeral que culminará cunha gran manifestación en Gràcia.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

16/10/2019