CRTVG

Buscar

Batalla campal en Barcelona tras a concentración masiva

Publicado o 19/10/2019 10:38

• Un total de 54 detidos en Cataluña e case un cento de feridos

• Gases lacrimóxenos e o camión de auga para reducir a violencia

  

Un total de 89 persoas resultaron feridas este venres nos enfrontamentos coa policía protagonizados por grupos violentos, a maioría deles, 60, en Barcelona, segundo os datos facilitados polo Sistema de Emerxencias Médicas (SEM) esta madrugada.
A Policía Nacional e os Mossos d'Esquadra dispersaron os manifestantes indepedentistas que mantiveron altercados ata as 23:00 h na zona da praza Urquinaona de Barcelona máis de catro horas, e as barricadas e as fogueiras desprazáronse ao paseo de Gràcia e a Gran Vía. Os Mossos empregaron esta noite por primeira vez en Cataluña a tanqueta de auga en diversas zonas para apagar as barricadas e abrirse paso entre os manifestantes.
A Policía Nacional lanzou gases lacrimóxenos e disparou pelotas de goma contra os manifestantes que están a levantar barricadas e lanzado obxectos contra a liña policial para acceder á Xefatura da Via Laietena de Barcelona. Fontes policiais confirmaron a Efe que se recorreu a ese material antidisturbios despois de que non resultasen efectivas as cargas coas que inicialmente se tentou dispersar os manifestantes, que tras retroceder recuperan as súas posicións para seguir atacando a liña policial.
Nun momento puntual, nunha situación crítica, a Policía utilizou gases lacrimóxenos, que provocan irritación ocular e sensación de asfixia, o que permitiu gañar espazo aos axentes ante os concentrados que lles guindaban todo tipo de obxectos. Os disturbios, que se iniciaron a uns metros da Xefatura da Policía Nacional, desprazáronse á praza Urquinaona, onde decenas de encarapuchados seguen guindando pedras, material pirotécnico e botellas, entre outros obxectos, contra os axentes

As 'Marchas pola Liberdade' congregaron 525.000 persoas

Cantando Els segadors, o himno oficial de Cataluña. Así remataba a protesta central en Barcelona contra a sentenza que condena por sedición a cúpula do proceso independentista. O que ía ser unha manifestación converteuse nunha concentración ante a imposibilidade de que avanzase a multitude. 525.000 persoas, segundo a Garda Urbana. Algunhas delas formaban parte das chamadas marchas da liberdade que confluíron na cidade tras tres días camiñando. Nas intervencións, mostras de apoio aos políticos e activistas condenados. 

Marcel Mauri, voceiro de Omnium Cultural: "Os presos políticos non son a visualización da derrota, senón un paso máis cara á vitoria".

É unha mensaxe recorrente, Elisenda Paluzie, presidenta de ANC: "Preparémonos desde xa para que, no momento preciso, defender e soster unha declaración de independencia".

Pero mentres no Paseo de Gràcia se desenvolvía esta protesta multitudinaria e pacífica, nas inmediacións da Xefatura Superior de Policía, na Vía Laietana pasaba isto. Grupos de encarapuchados levaban horas de tirapuxa coa policía, que chegou a cargar en tres ocasións. Pasadas as seis da tarde os violentos montaron barricadas no centro da avenida e prendéronlles lume. Desatábase outra noite de batalla campal.

Folga con seguimento inferior ao 50%, segundo a Generalitat 

A folga xeral en toda Cataluña foi un éxito segundo os sindicatos soberanistas convocantes. A Generalitat fala dun seguimento inferior ao 50%, menor ca noutros paros vinculados ao procés. Cumpríronse os servizos mínimos e viuse bastante afectado o transporte. A folga tivo moita incidencia no pequeno comercio, pero escasa na hostalería. Foi case masiva no ensino ou na estiba, na industria andou polo 40% e apenas se notou en sanidade. O consumo eléctrico reduciuse un 10%, unha porcentaxe similar á doutras folgas xerais.

 

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

19/10/2019