CRTVG

Buscar

Caos de tráfico na zona vella de Santiago nas horas de carga e descarga

Publicado o 08/08/2019 13:50

Hai unha hora en que o atasco na zona vella de Santiago non é de turistas.

Rubén Rodríguez, repartidor: "Non dás andado. Méteste aquí coa furgoneta e non dás andado".

Ducias de repartidores con pouco tempo e moito traballo toman a zona vella a partir das sete e media da mañá.

Jesús, repartidor: "Aquí podes estacionar ata as 10.30. Hai empresas que teñen establecementos na zona histórica. Eu teño unha tarxeta coa que podo entrar a calquera hora".

O seu é un caso particular. O habitual é que a maioría de furgonetas se concentre sobre as 10.30. E o habitual é que cada traballador se amañe como poida.

David Rojo, repartidor: "É complicado porque hai negocios que abren a esa hora, ás 10.30, ou máis tarde. E non podemos. Eu, ademais, teño tamén repartición na rúa de San Pedro e non podo estar en dous sitios ao mesmo tempo".

A Policía Local adoita ser flexible, porque moitos traballadores pasan o límite das 10.30. A primeira hora moitos negocios están pechados. A outros déixanlles a mercadoría na porta. Cada un busca a súa solución.

José Amarelle, restaurante O 42: "Procuro vir ás 9 da mañá para recibir a mercadoría e ás 11 teño case todo listo, agás algunha cousa que vén da praza, pero iso chega máis tarde e tráeno á man".

En zonas como a praza de Cervantes fíxose unha excepción e pódese repartir os xoves á tarde de 4 a 6. O Concello barallou sistemas alternativos, como un sereno que abrise os negocios ou crear zonas base de repartición.

O Xacobeo 2021 pode empurrar a cambiar o modelo. Polo momento, turistas e repartidores seguen convivindo a primeira hora, esa en que as fontes quedan ocultas tras as furgonetas.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

08/08/2019