CRTVG

Buscar

Canarias impón o toque de queda durante o Nadal

Publicado o 03/12/2020 22:21
Canarias impón o toque de queda durante o Nadal

O Goberno das Canarias decidiu impoñer o toque de queda no arquipélago este Nadal, desde o 23 de decembro ata o 10 de xaneiro, restrinxíndose a libre circulación desde a 1 da madrugada ata as 6 da mañá. As Canarias non adoptaran ata o momento esta potestade que lle outorga o Estado de alarma, pero farao agora co período do Nadal como medida de precaución. 

O Executivo fixa como excepción a noite do 24 ao 25 e a do 31 de decembro ao 1 de xaneiro, cando a limitación arrincará á 1:30 da madrugada, acabando tamén ás 6. Desta restrición estarán exentas determinadas actividades, como o coidado a menores ou maiores, causas de forza maior, situacións de necesidade ou actividades similares debidamente acreditadas. 

Ademais, as Canarias restrinxen a 6 persoas todas as reunións, tanto en vivendas como en restaurantes, que deberán pechar ás 00:00 horas, aínda que non inclúe nenos e non serán aplicables se a unidade familiar é superior a esta cifra ou se o retorno dalgún fillo fai que esta se supere. Esa restrición flexibilízase ata a 10 persoas no caso das datas clave do Nadal: o día de Noiteboa; o 25, día de Nadal; o 31 de decembro; o 1 xaneiro e o 6, Día de Reis. 

Ademais, o Executivo decidiu que todos os residentes que volvan ás Canarias nestas datas serán sometidos a un sistema de control mediante proba de antíxenos ou PCR, que será facilitada e financiada polo Servizo Canario de Saúde (SCS). No caso dos que veñan da Península, pero non sexan residentes, o sistema será "parecido", explicou Trujillo, pero non será financiado polo Goberno autonómico.