CRTVG

Buscar

Tráfico emprega camións camuflados para detectar o uso do móbil ao volante

Publicado o 09/12/2020 10:31

"Calquera vehículo pode estar observándonos; calquera vehículo pode ser da Garda Civil, xa sexa turismo, furgoneta, camión ou mesmo motocicletas camufladas". Esa é a advertencia que fan desde Tráfico para disuadir os condutores do uso do móbil ao volante. E é que a Garda Civil pon en marcha unha nova campaña de control das distracións na condución e vai prestar especial atención ao uso dos dispositivos móbiles. Farao utilizando camións camuflados que acompañarán as patrullas para poder visualizar mellor o interior dos habitáculos dos turismos.

O axente do destacamento de Tráfico da Coruña Héctor Teixeira explica por que se decidiron incorporar os camións ás tarefas de vixilancia: "Desde vehículos de altura pódese ver mellor o interior dos turismos e tamén se pode visualizar o interior da cabina dos camións porque nos situamos ao mesmo nivel".

Polo de agora, "a efectividade é bastante boa á hora de detectar infracións", explica Teixeira, que engade que grazas aos camións puideron certificarse un número importante de infraccións.

Dispositivo estático ou dinámico

O operativo funciona sempre con dous vehículos: o camión e un turismo rotulado da Garda Civil, que é o que se encarga de interceptar os condutores que se lle indican desde o camión. Ademais, "pode ser estático, desde un punto fixo da estrada, ou dinámico, co camión circulando e dando avisos á patrulla".

Segundo Tráfico, o incremento de distracións na condución ocasionadas polo uso do teléfono móbil é alarmante. E ademais agravada porque, a diferenza do uso tradicional do teléfono, "agora a maioría en lugar de usalo para falar vai facendo outras cousas". Fotografías, textos escritos e outras moitas tarefas son detectadas mentras se conduce, "co que o tempo que se aparta a vista e a atención da estrada se multiplica e a distracción é moito maior".

De feito, "cada vez a xente está máis concienciada respecto do alcol, as drogas ou o uso do cinto, pero co móbil pasa o contrario", di Teixeira, algo que certifican os datos de sinistralidade motivada por usar o móbil mentres se conduce.

A partir do ano que vén incrementaranse as sancións por este tipo de infracións. Así, o uso do móbil pasará de custar tres puntos a seis, e tamén se aumentan as sancións económicas.

Noticias web

09/12/2020