CRTVG

Buscar

Calma na primeira xornada de folga no Prat, con 140 voos cancelados

Publicado o 24/08/2019 21:10

 O tráfico aéreo viviu con calma a xornada de folga de Iberia en Barcelona. AENA di que o seguimento da convocatoria apenas chegou ao 10 por cento. Fontes sindicais aseguran que dous de cada tres traballadores secundaron a xornada.

Nin rastro das colas e aglomeracións de folgas anteriores no aeroporto barcelonés do Prat, aínda que non faltaron queixas coma as deste viaxeiro galego ao que, sen previo aviso, lle cambiaron o seu voo de hoxe para mañá:

"Facturáronme as maletas e non me avisaron. Puxéronme para mañá sen dicirme nada. Pregunteilles polo hotel: vaia vostede a información".

A esta folga estaba chamado o persoal de terra de Iberia e aínda queda a xornada de mañá e dúas máis a semana vindeira, pero hoxe a normalidade foi a tónica. Influíu o feito de que, tras a convocatoria, dos mil voos programados se cancelasen 140, na súa maior parte de Vueling, a aeroliña máis afectada. Os sindicatos seguen instando a negociar. Dixo o líder da UXT catalá: "Que se impliquen Iberia, Aena e as administracións públicas para atopar unha saída a esta situación de precariedade laboral".

Coa estabilidade no emprego como reivindicación principal os sindicatos aseguran que a solución é doada, xa que se trata de facer fixos uns traballadores temporais activos todo o ano, e iso non ten custo. Na guerra de cifras, falan de que entre o persoal non incluído nuns servizos mínimos que cualifican de abusivos, dous de cada tres traballadores secundaron a folga, mentres Aena sitúa o seguimento en apenas o 10 por cento.
 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

24/08/2019