CRTVG

Buscar

Cae un can nun pozo abandonado e aberto en Vilanova de Arousa

Publicado o 23/10/2020 14:21

Un pozo ancho e aberto, con aspecto de abandonado, foi toda unha trampa para Rocky. Este can, dunha familia de Tremoedo, en Vilanova de Arousa, soltárono para a súa saída de cada mañá. Pero o luns non volveu á casa coa rapidez que adoita facer. Os ladridos que oíra un veciño serviron de guía para dar con el horas despois, cando xa non tiña folgos para ladrar, como amosan as imaxes que nos proporcionou a familia.

Silvia Rodríguez, propietaria do can: "Cando o encontramos xa estaba esgotado o can, con hipotermia e coas patas dianteiras ensanguentadas debido á forza que fixo de rascar na parede do pozo e para manterse de pé dentro drl. Porque ser un can grande foi o que lle salvou a vida e estivo parado. Calculamos que arredor de seis horas estivo no pozo".

Silvia afirma que na zona hai numeroso pozos, pero que non todos están como deberían. Di que hai moitos abertos e mesmo sen ningún muro de protección ou deteriorado, como no que caeu Rocky, que por riba está á beira dun camiño e agachado pola vexetación: "Porque hoxe foi Rocky. Dirán, un animal. Pero para nós é un fillo. Non quero que lle pase a ningunha persoa ou algún cativo".

A dona do can denunciou o sucedido e alertou o Goberno Municipal de que na zona hai máis pozos con tanto risco ou, mesmo máis, para persoas e animais coma este.

Noticias web

23/10/2020