CRTVG

Buscar

Cada ano ingresan nos hospitais galegos 7.000 doentes de insuficiencia cardíaca

Publicado o 06/05/2019 18:18

Cada ano ingresan nos hospitais galegos 7.000 doentes de insuficiencia cardíaca, unha enfermidade grave que afecta máis do 10% das persoas maiores de 75 anos. A hipertensión, a diabetes ou un infarto de miocardio son as principais causas.

Cando o corazón non é capaz de bombear o sangue que precisa o corpo, os médicos diagnostican insuficiencia cardíaca. É unha doenza crónica, tan grave ou mais ca un infarto. A falta de alento é o principal síntoma.

Inés Gómez Otero, cardióloga da Unidade de Insuficiencia Cardíaca do CHUS: "O afogo ou falta de aire para facer as cousas do día a día. Pode vir acompañado ou non de inchume dos pés ou das pernas, pero fundamentalmene afogo e falta de forzas para facer as nosas actividades".

Neses casos hai que ir ao médico canto antes, porque a doenza ten tratamentos eficaces e pautas de alimentación importantes.

Inés Gómez Otero, cardióloga da Unidade de Insuficiencia Cardíaca do CHUS: "Temos medicamentos moi útiles para frear o avance do enfermidade e devolverlles aos pacientes unha vida practicamente normal". "Unha vez diagnosticada a doenza, os pacientes teñen que ter especial coidado co consumo de sal, que é o principal agravante desta enfermidade".

No Complexo Hospitalario de Santiago expoñen estes días, con motivo da Semana da Insuficiencia Cardíaca, os alimentos que non deben consumir polo seu contido en sal.

María Moure González, enfermeira da Unidade de Insuficiencia Cardíaca do CHUS: "As conservas, todos os produtos enlatadados, as salsas de supermercado, zumes, sopas de sobre ou concentrados de caldo".

Un dez por cento da poboación maior de 75 anos pode desenvolver esta doenza, que é a primeira causa de ingreso hospitalario en Galicia.



 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

06/05/2019