CRTVG

Buscar

Caballero pide á Xunta lealdade, e En Común urxe reunións da Deputación Permanente

Publicado o 23/03/2020 07:29

• Pontón: "Centralizar, lonxe de ser a solución, está a ser un problema"

• O presidente da Xunta mantén un encontro telemático cos principais líderes da oposición

Caballero pide á Xunta lealdade, e En Común urxe reunións da Deputación Permanente

O presidente da Xunta mantivo este domingo á tarde unha reunión por videoconferencia cos principais líderes dos partidos políticos da oposición en Galicia: PSdeG, Galicia en Común-Anova, BNG, e Ciudadanos.

Caballero pide á Xunta lealdade e que se atendan os "intereses xerais"

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, pediu este domingo á Xunta de Galicia lealdade e instouna a priorizar "os intereses xerais por encima de calquera outro tipo de interese" durante a xestión da crise xerada polo brote de COVID-19.

Caballero pronunciouse así ao termo da reunión por videoconferencia que mantivo co presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e co resto de líderes dos principais partidos políticos de Galicia.

Nela -segundo afirma o dirixente dos socialistas galegos- o PSdeG "trasladou, unha vez máis", ao Goberno galego a súa "disposición para colaborar" nas medidas que adopten as distintas autoridades e reiterou a súa aposta por "traballar de forma cooperativa e leal co Goberno de España á fronte".

Ligado a isto, o líder do PSdeG insistiu en que a Xunta debe "intensificar esforzos en materia sanitaria" e deixar atrás debates como a subministración de material médico, dado que o propio Núñez Feijóo recoñeceu esta mañá "que ten 500.000 máscaras no Sergas á disposición do sistema sanitario galego"; ademais das máis de 100.000 -asegurou- que achegou o Goberno central.

Así pois, Caballero demandou ao Executivo autonómico un "esforzo en dar contratos estables a todos os profesionais sanitarios que están dispoñibles en Galicia", aproveitando para eles os recursos de que dispón a Administración.

"O sistema está a resistir, pero hai que ter todas as previsións", agregou, antes de pasar a pedir medidas noutros ámbitos, como a pesca e o marisqueo, a educación ou a asistencia ás persoas maiores que acoden a cobrar a súa pensión ás entidades bancarias. 

En Común urxe que a Deputación Permanente se reúna de forma semanal

O líder de Galicia en Común-Anova, Antón Gómez-Reino, insistiu este domingo na necesidade de que a Deputación Permanente do Parlamento se reúna de forma semanal, a pesar de que a Cámara estea disolta.

Gómez-Reino reprochou que non se avanzou acerca de cando comparecerá o máximo mandatario galego. O pasado venres foi cando o presidente da Xunta adiantou a súa intención de comparecer ante a Deputación Permanente, o órgano que está de garda entre lexislaturas, para informar os grupos políticos das medidas sanitarias e económicas ante a crise provocada polo coronavirus COVID-19, pero aínda non se fixou unha data para iso.

Desa maneira, Galicia en Común-Anova pide "convocatorias semanais", tendo en conta que se descoñece para cando se convocarán as eleccións autonómicas aprazadas e por razón de non estar funcionando o Parlamento na súa competencia de control ao Goberno. "Non pode ser que o Parlamento estea disolto" nun momento de crise coma o actual, remarcou.

Pontón (BNG): "Centralizar, lonxe de ser solución, está a ser un problema"

A portavoz nacional e candidata do BNG á presidencia da Xunta, Ana Pontón, denunciou este domingo que a centralización das competencias de sanidade para tratar a crise do coronavirus "non funciona" e "lonxe de ser parte da solución, está a converterse nun problema".

Así o manifestou en declaracións á prensa tras reunirse xunto aos demais líderes políticos galegos co presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, a quen lle trasladou que "é importante recuperar a capacidade de actuación plena da Xunta no ámbito sanitario", que é "a pata máis importante para facer fronte a esta crise".

"Pedímoslle á Xunta que activase un 'plan B' para poñer en marcha as compras de material sanitario que sexan necesarias, e tamén que se reforce a capacidade do tecido produtivo galego para satisfacer as demandas que poida haber de desinfectante, batas, máscaras ou mesmo, se fose posible, de tests para saber se existe ou non contaxio", apuntou Pontón.

A líder nacionalista entende que "nunha situación de crise coma esta" ponse de manifesto "a necesidade que temos de non depender única e exclusivamente do que outros nos fornezan", polo que "é importante que o tecido produtivo galego se adapte e abasteza o noso sistema sanitario".

Outra cuestión tratada na reunión foi a situación das residencias de anciáns; para elas, o BNG propuxo "realizar probas masivas de coronavirus" como medida preventiva "para detectar canto antes os casos que se poidan estar a producir".

Esta iniciativa formaría parte dun "plan de choque" que, segundo detallou Pontón, incluiría tamén establecer "unhas garantías sanitarias mínimas" para usuarios e traballadores das residencias, e mais "a intervención por parte da Xunta das residencias privadas" para garantir "unha boa prestación" e "coordinar unha resposta" en "un momento excepcional".

No plano económico, a líder nacionalista fixo especial fincapé no "problema que teñen os autónomos", un colectivo "gravemente danado por esta crise", para o que pediu á Xunta "axudas directas extraordinarias" de 2.000 euros.

"Tamén puxemos sobre a mesa a demanda do sector do marisqueo, que está a pedir un peche programado acompañado de axudas por peche de actividade, xa que neste momento o sector, na práctica, non ten mercado", proseguiu.

Por último, Pontón referiuse ao sector da cultura, "moi danado polos efectos desta crise", para o que sería necesario habilitar "axudas específicas" ante "a caída de toda a programación cultural".

"Desde a Corporación Radio Televisión de Galicia (CRTVG) habería que activar unha liña de traballo para que, mentres dure o confinamento, se permita que toda esta creatividade se exhiba a través dos nosos medios para así paliar o impacto económico desta crise do sector cultural", resolveu.

Pino (Cs): "É fundamental que Galicia reciba material sanitario e máis tests"

A portavoz de Ciudadanos en Galicia, Beatriz Pino, sinalou este domingo que "é fundamental e vital que Galicia reciba material sanitario e máis tests". A responsable da formación liberal quixo agradecer, tal e como informa nun comunicado, a disposición do presidente da Xunta de Galicia desde que empezou a crise, xa que está a informar puntualmente ao resto de partidos da situación actual na nosa comunidade. "A Xunta e o seu presidente están a ser totalmente transparentes neste asunto, e hai que destacalo", sinalou.

Pino insistiu, así mesmo, na necesidade de que o Estado poña en marcha medidas máis eficaces para garantir o distanciamento social.

"Cada minuto son vidas que se poden salvar. Hai que remar xuntos na loita contra o coronavirus", concluíu.