CRTVG

Buscar

As condicións meteorolóxicas complican a busca do patrón da embarcación que naufragou preto de Cíes

Publicado o 25/02/2020 12:51

• Os servizos de salvamento localizaron este luns á tarde o cadáver do outro mariñeiro que ía no barco

• Un golpe de mar apúntase como causa probable do accidente

Os servizos de emerxencias retomaron este martes as tarefas de procura do patrón do Marsua J, o pesqueiro que naufragou este luns cando faenaban nas inmediacións das illas Cíes.

O corpo do outro tripulante, un home de 41 anos, foi localizado onte pola tarde, pouco despois de aparecer os primeiros restos da embarcación, e foi levado ata o porto de Baiona, onde tiña a súa base o pesqueiro.

O centro de Salvamento Marítimo de Vigo está a coordinar o dispositivo de procura por mar e aire do mariñeiro desaparecido, que ten 52 anos, e este centrouse ata o de agora especialmente na zona de Freu da Porta, entre as dúas illas do arquipélago, que foi onde se afundiu o barco.

Pero xa durante as últimas horas do día de onte a procura ampliouse a todo o perímetro das illas Cíes.

Neste dispositivo de procura participan a embarcación Salvamar Mirach de Salvamento Marítimo, unidades do servizo de gardacostas de Galicia, patrulleiras da Garda Civil, o helicóptero Pesca 1 da Xunta de Galicia e efectivos mobilizados polo 112 Galicia.

Ademais, varios pesqueiros da zona sumáronse aos labores de rastrexo e, un deles, encargouse de dar a volta ao pesqueiro, que estaba quilla arriba, para comprobar que o patrón non se atopase no seu interior.

Nas próximas horas tamén se incorporará a este dispositivo un equipo de mergulladores do Grupo Especial de Actividades Subacuáticas (GEAS) da Garda Civil.

Nigran, Gondomar e Baiona os tres municipios de onde eran naturais ou residían os mariñeiros decretaron dous dias de loito oficial e suspenderon todos os actos prevsitos polo entroido. O naufraxio de Cíes completa un febreiro negro para a flota de baixura das Rias Baixas onde tres mariñeiros perderon a vida e un permanece desaparecido.

As alarmas saltaban na Confraría de Baiona cando pasada a unha do mediodía do luns: O Marsúa J non chegara a porto. Chamaron por radio e ao non contestar, intentaron contactar con eles por teléfono. Foi cando deron o aviso e iniciouse a busca do patrón e o mariñeiro que pescaban nas Cíes.

Barcos da zona de Baiona e medios de Salvamento Marítimo e de Gardacostas mobilizáronse na busca do Marsúa. Saíran ás catro da mañá a pescar robaliza. O barco foi localizado coa quilla ao sol e o corpo do mariñeiro apareceu aboiando. Trátase de José Manuel Freire Leyenda, un veciño de Baiona.

A noticia correu como a pólvora e foron numerosas as persoas que se achegaron ata o porto de Baiona, entre eles familiares e amigos de Jorge Emilio Martín Costas, patrón da embarcación e que permanece desaparecido, e do falecido. A última hora da tarde do luns chegaba a xuíz e procedíase ao levantamento do cadáver. A Conselleira do Mar e o Conselleiro de Sanidade achegáronse ata Baiona.