CRTVG

Buscar

Localizan un aparello e un rizón da embarcación achada á deriva no Grove cun tripulante desaparecido

Publicado o 19/06/2020 11:00

Un aparello e un rizón, supostamente, da embarcación achada á deriva na mañá deste venres na zona do Grove foron achados baixo a ponte da Illa no marco da busca do tripulante desaparecido. Así o sinalaron fontes de Salvamento Marítimo, que indicaron que por parte da confraría de pescadores de Vilanova de Arousa comunicaron o achado dun aparello e dun rizón, supostamente, da embarcación EMI, localizada á deriva nas proximidades de Porto Meloxo.

O Centro de Salvamento Marítimo de Fisterra mobilizou o helicóptero Pesca 1 da Xunta, que está previsto que sexa relevado sobre as 17.30 horas polo Helimer 211 de Salvamento, e a Salvamar Sargadelos. Ademais, colabora a lancha 'Mar de Laredo' de Cruz Vermella, entre outros medios marítimos.

A eles súmanse Protección Civil, Policía Local e Garda Civil. Os equipos de emerxencias percorren por terra, mar e aire, a costa do Salnés para tratar de obter algún indicio do paradoiro do tripulante desa embarcación achada á deriva no Grove.

A embarcación á deriva apareceu sobre as 10.00 horas deste venres na zona de Porto Meloxo e foi localizada por persoal da Confraría de Pescadores do Grove. O tripulante desaparecido é un veciño de Vilanova que saíu pescar a pasada medianoite e non volveu a casa. Por iso, activouse un operativo de busca, que se move nun arco entre Vilagarcía e O Grove.