Atopan o corpo do mariñeiro xubilado que caeu ao mar en Burela
Os efectivos de emerxencias rescataron este martes o corpo sen vida do home en cadeira de rodas que caeu ao mar no peirao de Burela. O corpo sen vida foi rescatado por mergulladores da Garda Civil. Desde o 112 solicitouse a colaboración do Grupo de Intervención Psicolóxica en Catástrofes e Emerxencias (GIPCE) para prestar apoio á familia da vítima.
"El estaba amarrado á cadeira. Primeiro sacouse o corpo e despois a cadeira e foron levados á lancha da Garda Civil", explicaba Mario Antuña, do GES de Cervo.
O home é un veciño da vila duns 70 anos, un mariñeiro xubilado moi coñecido que adoitaba pasear na súa cadeira de rodas por esta zona.
Por causas que se descoñecen, ás cinco e media da tarde a súa cadeira caeu ao mar dende a punta do espigón.
Unha parella que acababa de falar con el e que viu o accidente deu a voz de alarma. Por iso, buscárono efectivos da Garda Civil do Mar, bombeiros de Barreiros, Protección Civil de Burela e membros da Cruz Vermella. Posteriormente incorporouse un equipo de mergulladores do grupo especial de actividades subacuáticas da Garda Civil.
O falecido era bon coñecedor da zona xa que paseaba por ela con frecuencia e estaba xubilado logo de traballar como mariñeiro durante moitos anos. O seu cadáver foi trasladado ao hospital de Lugo para practicarlle a autopsia e determinar se sufriu algún percance que o levara a precipitarse coa cadeira ao mar.
"Os portos son zonas complicadas. Xa hai mes e medio caera aí un coche. Non hai medidas de protección e cómpre andar con coidado".
No momento do sinistro a marea estaba alta polo que a profundidade das augas na zona da caída era de doce metros.