CRTVG

Buscar

Buscan o atracador dunha sucursal bancaria na Coruña

Publicado o 18/12/2018 13:33

Sucedeu a plena luz do día, pero detalles poucos se coñecen. Nin os establecementos situados a escasos metros desta céntrica sucursal bancaria saben realmente como foi o atraco. A esa hora a zona estaba moi transitada tanto por vehículos como por peóns, e aínda así, ninguén se decatou do que estaba sucedendo.

"Foi un momento con bastante xente na tenda... vimos que chegou a policía, e pouco máis", "non vin nada raro e non me decatei de nada", comentan outros comerciantes da zona.

Ao parecer, trátase dun home de mediana idade, que, ameazando cunha pistola, conseguiu facerse cunha cantidade de cartos aínda por determinar. Polo momento, hai dúbidas abertas sobre se a arma de fogo que utilizou é real ou simulada.

"Parece ser que entrou o carteiro e o atracador aproveitou para machar, e falan de que tamén levou cinco mil euros, pero non sei", comenta outro dos comerciantes.

Ata o lugar desprazáronse de inmediato axentes da Policía Científica que estiveron recollendo mostras e declaracións que lles permitan dar co autor do atraco. O segundo roubo destas características cometido na cidade en pouco máis dunha semana. Porque as tres persoas que o luns pasado atracaron ao encargado dunha coñecida cervexería na zona de Catro Camiños, seguen fuxidos.

Atracárono xusto casndo saía cos cartos da da fin de semana para ingresalos no banco. Para facerse co botín golpeárono coa culata dunha pistola e fuxiron a gran velocidade nunha motocicleta, sen matrícula.

Pola maneira en que se produciu o roubo, a policía pensa que pode tratarse dun grupo organizado e que coñecía a mecánica seguida polo establecemento para recoller a recadación da caixa.

Noticias web

18/12/2018