CRTVG

Buscar

Buscan nas pozas do río Eo o veciño de Ribeira de Piquín desaparecido en Baleira

Publicado o 03/08/2020 13:20

Continúa a busca dun veciño de Ribeira de Piquín ao que se lle perdeu a pista nun bosque do tamén lugués concello de Baleira. Hoxe o dispositivo estase a centrar tanto no leito como nas pozas do río Eo, así como nas montañas que rodean a aldea de Martín, onde foi visto por última vez o desaparecido

Álvaro Pin, un veciño de Ribeira de Piquín de 47 anos de idade, leva desaparecido dende o pasado venres á noite. O home abandonou voluntariamente o coche en que ía cuns familiares e internouse nestas fragas da serra da Marronda, en Baleira. Dende o primeiro momento montouse un dispositivo de busca que se viu reforzado durante a fin de semana con cans de rastrexo e un helicóptero e a axuda de numerosos veciños, pero foi imposible dar co home.

Segundo a Garda Civil, o desaparecido adoita practicar a caza por esta zona, de xeito que é un experto coñecedor da serra da Marronda e resultarialle fácil permanecer agochado. A orografía tamén dificulta os traballos para dar co seu paradoiro, posto que as fragas son moi tupidas, as costas moi pronunciadas e o río ten moitas pozas. Con todo, non se perde a esperanza de atopalo canto antes. 

"É unha zona de moi difícil acceso e exploración. Estes días estivo un helicóptero sobrevoando a zona, así como os cans de rastrexo. Tamén se contou coa colabotración dos grupos de actividades subacuáticas".

A Garda Civil indicou tamén que nas últimas horas apareceron indicios que sinalan que o desaparecido segue con vida.

Noticias web

03/08/2020