CRTVG

Buscar

Buscan dous turistas belgas que non se presentaron ás probas PCR no hospital da Barbanza

Publicado o 03/08/2020 14:34

Foi o venres pola tarde cando acudiron ao centro de saúde de Ribeira para que atendesen a muller, que se atopaba mal.

Fontes sanitarias confirman que presentaba síntomas compatibles coa Covid-19, así que desviaron o caso ao hospital da Barbanza para que tanto a ela como ao seu acompañante se lles realizase unha proba PCR, e descartar ou confirmar que se trataba de coronavirus.

A cita estaba fixada para o sábado pola mañá, pero non apareceron.

Os servizos sanitarios alertaron as forzas de seguridade e a consellería de Sanidade, e fontes policiais confirman que o mesmo sábado iniciaron a busca para tentar localizalos. Polos datos que teñen, trátase de dous turistas de orixe belga que, ao parecer, viñan en autocaravana dende Portugal.

Dende Sanidade confirman que aínda están reunindo información sobre este caso e que, chegado o momento e vistos os informes policiais, médicos e sociais precisos, poderíase solicitar ao xulgado unha orde de busca e captura e de illamento forzoso.

Xosé Antonio Taboada, xefe do servizo de Control de Enfermidades Transmisibles, di que non son infrecuentes casos coma este, e lembra que poden rematar en sancións importantes.

De momento, non hai máis pistas sobre o paradoiro desta parella de turistas belgas. A Policía Local de Ribeira baralla a hipótese de que estean viaxando de volta á casa.

 

Noticias web

03/08/2020