CRTVG

Buscar

Internamento en réxime pechado para o menor que tirou o fillo ao río Besòs

Publicado o 26/09/2019 10:41

O xuíz de garda de Menores de Barcelona acordaba esta noite o internamento nun centro en réxime pechado do rapaz de 16 anos que confesou que lanzou o seu fillo acabado de nacer ao río en Sant Adriá del Besòs (Barcelona). A medida cautelar decretouse por seis meses, prorrogables tres máis atendendo ao que establece a lei. Así o sinala o Tribunal Superior de Xustiza de Cataluña nun comunicado. A Fiscalía considera, provisionalmente, que os feitos poden ser constitutivos dun delito de asasinato.

A nai do bebé, tamén menor, foi ingresada nun hospital tras ser localizada.

Polo que transcendeu, o corpo do meniño aínda non foi atopado. Os bombeiros da Generalitat de Cataluña informaron de que os labores de busca se van retomar a primeira hora da mañá. Este mércores, un helicóptero rastrexou a desembocadura do río Besòs, sumándose ao amplo operativo terrestre e subacuático que o busca desde últimas horas da tarde do martes. Temen que, levado pola corrente, poida estar xa no mar. 

O pai di que o meniño naceu morto e que o ía enterrar cando alguén o viu; daquela, guindouno á auga e escapou.

 

 

Noticias web

26/09/2019