CRTVG

Buscar

Bueu bate marcas na campaña da vieira

Publicado o 26/02/2020 13:31

Boa campaña en Bueu da vieira, que van prolongar ata marzo e case chegan os 17.000 quilos. En cartos, esas 17 toneladas convértense en preto dos 93.000 euros. Había máis de 20 anos que a frota non podía traballar tanto tempo. Malia todo, as capturas das últimas semanas están lonxe dos topes máximos de 250 quilos por embarcación. Nestes momentos hai seis barcos traballando na extracción da vieira, que son os únicos que están a saír ao mar regularmente, xa que as doutras especies, principalmente o polbo, están moi condicionadas polo mal tempo.

A cota diaria acordada co comprador é de 1.500 quilos, que se reparte de maneira igualitaria entre os seis barcos que agora mesmo participan na campaña. Iso significa un máximo de 250 quilos por cada embarcación, unha cifra a que nestes momentos non se chega.

José Manuel Rosas, patrón maior da confraría de Bueu: "Na comercialización hai unha medida que eles teñen como estándar, que é de 11 centímetros e medio. De aí para abaixo non non a collen. Aínda así estamos contentos é unha boa saída para esta frota. A rendibilidade aínda non é para botar foguetes, pero os outros sectores estiveron parados".

A alta actividade desta campaña fai prever unha mellora para o ano que ven.

José Manuel Rosas, patrón maior da confraría de Bueu: "Hai unha rexeneranción de fondos, un movemento de sustratos, osixénase o terreo é dicir que é como na terra lábrase e case con toda seguridade para o ano vai ser unha boa campaña".

Todo se a ausencia de toxinas permite traballar os bancos de vieira.

Noticias web

26/02/2020