Brutal agresión a dous gardas civís nas festas da Virxe do Monte de Camariñas
O espazo das festas da Virxe do Monte, en Camariñas, foi escenario do ataque a unha parella da Garda Civil do cuartel de Muxía que na madrugada do domingo acudiu aquí ante varios pedimentos de asistencia, porque un individuo estaba a molestar outras persoas.
O home resistiuse, pero os gardas acabaron colléndoo. Ante iso, un grupo de xente, supostamente vencellada co detido, emprendeuna a golpes e patadas cos dous gardas civís. A agresión, ao parecer, continuou ata que marchou o coche patrulla, cos gardas e co detido, un mozo camariñán con antecedentes policiais.
A garda civil puxo o detido a disposición do xuíz en Corcubión e tamén denunciou o grupo de agresores.
O gabinete de comunicación da Garda Civil informou de que os dous gardas permanecen de baixa, con lesións nos xeonllos, nun pulso e co corpo resentido dos golpes que lles deron.