CRTVG

Buscar

Bota a navegar o catamarán de Castrelo de Miño

Publicado o 24/08/2019 21:29

Hoxe comezou a funcionar o catamarán de Castrelo de Miño. Entre os primeiros pasaxeiros, un grupo familiar de Cambados que comprobou que no Ribeiro, os viñedos teñen outro aspecto. "Paréceme moi ben, que hai moitas igrexas por aquí, moitos pobos, con viñedo tamén, e moito verde", di unha nena.

O percorrido dura ao redor dunha hora, desde a presa do encoro de Castrelo ata Laias, no concello veciño de Cenlle, uns sete quilómetros río arriba. O patrón, Martín Vidal, fai ao tempo de guía e cóntalles aos seus pasaxeiros algunhas curiosidades da zona e as particularidades da paisaxe: "Contamos un pouco da historia de cando se construíu, que hai augas quentes por debaixo que se botaron un pouco a perder polo uso da dinamita. Explicamos tamén como se está recuperando o viñedo e rexorde o novo Ribeiro como zona de importancia. E as dúbidas que vaian xurdindo, dependendo se a xente é de aquí ou é de fóra... E despois tamén lles deixo un pouco para disfrutar. Tamén calo".

A experiencia, alomenos para os máis cativos, foi digna de recomendar: "A min estame gustando moito. Non adoito ir en barco e este gústame". "Eu son máis de mar, pero o río tamén está ben".

A temporada alongarase ata o 30 de setembro se o tempo o permite.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

24/08/2019