CRTVG

Buscar

Boris Johnson rexeita contestar sobre o altercado doméstico vivido coa súa compañeira

Publicado o 22/06/2019 20:54

A querencia de Boris Johnson polo número dez de Downing Street ten unha longa historia. Vímolo entrando alí cun aspecto convencional como ministro, pero tamén con este porte e aparencia case de okupa nun dos seus clásicos números extravagantes que tanta simpatía e rexeitamento espertan ao mesmo tempo na Gran Bretaña.

Desde hai anos figura nas quinielas como posible aspirante a primeiro ministro, pero as súas opcións acaban frustrándose por algún motivo. Nesta ocasión parecía que todo ía encamiñado para que se convertese en líder do Partido Conservador, pero unha suposta lea coa súa parella obrigou a que a policía se deprazara onte ao seu domicilio. Tabloides e televisións multiplican o eco do escándalo e hoxe Johnson contrastaba posicións co seu contrincante para situarse á cabeza dos tories, o ministro de Exteriores, Jeremy Hunt.

Boris Johnson evitou entrar no tema e limitouse a dicir que non cre que ninguén "queira escoitar nada sobre iso". Punto final. A comparecencia dos dous candidatos celebrouse en Birminghan e o afectado saíu bastante ben librado dialéticamente. Mentres, o veciño que o denunciou e que deu conta dalgúns aspectos escabrosos da pelexa entre Johnson e a súa compañeira non se librou dos ataques dalgúns políticos, que o cualificaron de "esquerdoso" ou cuestionaron a súa versión.
 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

22/06/2019