CRTVG

Buscar

Bolsonaro mobilizou o exército para loitar contra os incendios na Amazonia tras as críticas

Publicado o 25/08/2019 14:09

Bolsonaro despregou 44.000 militares para combater os incendios na Amazonia brasileira, tras a vaga de críticas que recibiu por parte da sociedade civil e da comunidade internacional, que culpan a súa política ambiental e acúsano de inacción.

O presidente do Brasil insiste, porén, en que está ardendo menos ca outros anos e que non se queima o bosque tropical, senón só áreas deforestadas.

O Instituto Nacional de Pescudas Espaciais apunta, pola contra, que as lapas afectaron tamén terras indíxenas e unidades de conservación ambiental.

Arde sobre todo a Amazonia brasileira, a máis extensa, pero o pulmón da terra está tamén sufrindo noutros países, como Bolivia. As poboacións indíxenas que viven deste bosque tropical e dentro del ven como se vai esquilmando a riqueza.

"Había como traballar. Un ía ao campo. Ata se queimaron os animaliños silvestres. Xa non hai nada. Cazabamos algo, pero xa non hai nada. Todo está queimado", explica un indíxena boliviano.

Colombia propón que todos os países que comparten a Amazonia loiten xuntos para protexela e que as grandes potencias tamén acheguen recursos para frear tanto o lume como os delitos ambientais na rexión.

Estímase que nos últimos anos se perderon máis de 550.000 quilómetros cadrados da Amazonia. Só neste mes de xullo, 2.500 quilómetros cadrados, principalmente no Brasil.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

25/08/2019