CRTVG

Buscar

Boiro súmase ás vilas con máis restricións e alívianse en Neda, Fene, Burela, Oleiros, Lalín e Oroso

Publicado o 04/12/2020 21:02

• Sanidade pide non viaxar e reducir contactos na ponte da Constitución

O subcomité clínico de expertos que fai seguimento á evolución da covid-19 en Galicia acordou aliviar as restricións nos concellos de Neda, Fene, Burela, Oleiros, Lalín e Oroso, onde desde esta medianoite rexerán as medidas restritivas básicas; ademais de incorporar á localidade de Boiro á listaxe de concellos con restricións máximas.

Boiro pasa así a formar parte do grupo de 17 concellos que teñen establecido o nivel máximo de restricións.

As localidades de Monfero, Pontedeume, Tui e Vilalba continúan co mesmo nivel de restricións que teñen nestes momentos, pero serán obxecto dunha vixilancia especial.

As medidas publicáronse no Diario Oficial de Galicia e entran en vigo este sábado. 

"Temos en xeral unha boa tendencia das cidades, das grandes, incluso Pontevedra que non acababa de baixar, agora está baixando a un ritmo razoable. Vigo tamén está baixando ben, incluso a súa comarca con algunha excepción",  explica Julio García Comesaña, conselleiro de Sanidade. 
 

Sanidade pide non viaxar e reducir contactos 

Pero Sanidade insiste en non baixar a garda. Preocupa que naqueles lugares que saíron do peche perimetral se produza unha repunta dos contaxios despois da ponte da Constitución que obrigue a dar un paso atrás de cara ao Nadal.

Non saír demasiado a pesar desas aperturas da mobilidade, seguir mantendo os criterios que se tiñan ata o de agora, non facer viaxes innecesarios, limitarse a estar coas persoas habituais, cos conviventes", pide Comesaña.

E para frear a pandemia continúarán facéndose cribados masivos estes días. Faranse onde empeora a situación, como en Boiro, tamén nos lugares que entran en zona de perigo, como Tui, e nos que melloran, como Vigo. Ademais váiselle facer probas diagnósticas da covid ao persoal de hostalería da área de Ourense no reinicio da súa actividade despois de dous meses de peche.

Como afecta a hostalaría de Boiro?

A situación epidemiolóxica do concello de Boiro amosa unha evolución negativa: con 74 contaxios nos últimos catorce días, Boiro sitúase entre os concellos con máis de 250 casos de incidencia acumulada, con 393 por cen mil habitantes.

Polo tanto, segundo o plan de desescalada para a hostalaría da Xunta, o concello de Boiro situaríase no nivel máximo, é dicir:

• Só terrazas e ao 50 %.

• Ata as 17:00 horas.

• En grupos de catro persoas máximo.

O Sergas citará máis de 3.500 persoas para realizar un cribado en Boiro 

Persoal de enfermaría da área sanitaria de Santiago e O Barbanza desenvolverá diversos cribados no municipio de Boiro (A Coruña), nos que se citarán unhas 3.500 persoas. Segundo informou a Xerencia da área sanitaria, as probas levaranse a cabo desde este venres ata o domingo en diferentes puntos, como o centro de saúde de Boiro ou no hospital do Barbanza.

Ademais, desprazarase un equipo para realizar un cribado empresarial para facilitar a accesibilidade en colectivos grandes. Deste xeito, realizaranse probas aos profesionais da hostalaría e tamén se citará a poboación de entre 35 e 44 anos con cartón sanitario nesa localidade. A área sanitaria sinalou que estes cribados súmanse a outros máis selectivos xa realizados en días anteriores nestes concellos e que buscan detectar persoas infectadas coa covid-19 asintomáticas.

Nos últimos días incrementáronse substancialmente os positivos vinculados con este concello, que desde este sábado verá limitada a súa mobilidade cos municipios limítrofes. A poboación será citada a través dun SMS no que figurará a hora e o enderezo ao que deben acudir, así como un código QR para a súa identificación persoal. A toma de mostras será nasofarínxea para realizar PCR, que será analizada pola técnica de pooling.