CRTVG

Buscar

Baixan os casos na área sanitaria de Ourense, pero mantéñense as restricións

Publicado o 30/10/2020 15:11

A evolución de Ourense contrasta coa de resto de áreas. Alí seguen á baixa o número de casos activos. Así e todo, mantéñense as restricións.

En Ourense levan máis de tres semanas coas medidas máis estritas de toda Galicia, como por exemplo o peche perimetral, que máis tarde se estendeu a outras zonas como O Carballiño ou Verín.

Unhas medidas que xa comezan a dar resultados pero que seguirán en vigor, posto que non se pode baixar a garda.

Nas últimas 24 horas, a área sanitaria só rexistrou 54 contaxios novos, a cifra máis baixa das últimas dúas semanas. As altas foron moito maiores, polo que, unha xornada máis, o número de casos activos descendeu.

Tamén hai bos resultados no Carballiño e Verín, que levan catro xornadas seguidas de descenso.

Así e todo, preocupa a presión asistencial. Baixaron os hospitalizados pero medra o número de ingresados na UCI.

Félix Rubial, xerente da área sanitaria de Ourense explica que "nos próximos días deberiamos chegar ao pico de pacientes na UCI. Vannos agardar uns días moi complexos nese sentido. Seguimos nunha situación oposta ao de resto de áreas de Galicia. Somos a única que descende, discretamente, pero somos a única que descende, nunha certificación de que as medidas sanitarias adoptadas semanas atrás dan resultado".

Noticias web

30/10/2020