CRTVG

Buscar

Baixan nun 23% as persoas cun ERTE en Galicia

Publicado o 18/08/2020 13:21
Baixan nun 23% as persoas cun ERTE en Galicia

O número de persoas afectadas por un ERTE en Galicia descendeu na primeira quincena de agosto nun 23%, sendo os sectores de servizos de aloxamento e transporte os que rexistraron unha maior recuperación de emprego, informou a Delegación do Goberno en Galicia.

En concreto, entre o 31 de xullo e a fin de semana do 15 de agosto, un 23% das persoas que estaban en suspensión temporal de emprego na comunidade galega finalizaron esta situación, o que supón unha recuperación da actividade laboral en todos os sectores, excepto na das axencias de viaxe, o único que aumentou os seus ERTE, nun 1%.

Así, o sector de servizos de aloxamento reduciu a súa suspensión de emprego nun 36%; seguido do descenso no sector do transporte (30%); os servizos de comidas e bebidas (29%); o comercio e venda de vehículos de motor (20%); lecer, cultura e actividades deportivas (19%); educación (13%) e comunicación, publicidade e edición (8%).

A diminución dos expedientes de regulación temporal de emprego en Galicia é superior á medida estatal, situada nesta primeira quincena de agosto nun 19%, catro puntos menos.

A Delegación do Goberno destacou, nun comunicado, que os expedientes de regulación temporal de emprego vinculados á pandemia do covid-19 son considerados de forza maior e levan asociada unha prestación económica mentres non se recupere a actividade laboral, un feito que pode realizarse ata o 30 de setembro.

Así mesmo, afirma que as achegas económicas directas do Goberno pola pandemia teñen un impacto en Galicia para unhas 400.000 persoas.