CRTVG

Buscar

Madrid formaliza a petición de axuda urxente ao Goberno

Publicado o 24/09/2020 08:10

Sanidade rexistrou once mil casos novos e 130 mortos en España. A Comunidade de Madrid formalizou a petición de axuda ao Goberno central. Sesenta e catro militares sumáronse nas últimas horas a traballar como rastrexadores.

O Exército de Terra traballa xa na comunidade de Madrid. Incorpora 64 militares en dúas seccións de rastrexadores. Súmanse aos efectivos da Unidade Militar de Emerxencias que traballan desde hai uns días desde a base aérea de Torrejón de Ardoz. O Goberno rexional solicitáralle nas últimas horas ao central apoio loxístico militar para a instalación de carpas, a realización de tests e labores de desinfección nas zonas que teñen limitacións. Tamén pediran 200 efectivos da Policía Nacional e da Garda Civil para o cumprimento efectivo das corentenas. E fixeran unha terceira petición para poder contratar 300 médicos extracomunitarios.

As autoridades sanitarias non desbotan ampliar as restricións á mobilidade a máis áreas da comunidade, confinamentos parciais noutros barrios e municipios, con limitacións de horarios e capacidades; esta decisión adoptarase previsiblemente mañá. A pesar da situación preocupante na comunidade madrileña, o ministro Illa asegurou na Comisión de Sanidade do Congreso que esta segunda onda da pandemia é distinta á primeira. Con todo, o ministro fixo un chamamento a non baixar a garda e estar preparados para calquera escenario ante unha situación epidemiolóxica, dixo, dinámica e cambiante.

 

Noticias web

24/09/2020