CRTVG

Buscar

Axenda da fin de semana en Galicia

Publicado o 17/05/2019 21:20



Amais de viño e gastronomía esta fin de semana preséntase chea de propostas de lecer. Redondela volve ser epicentro internacional do mundo dos monicreques. Compañías de teatro, artistas especializados, monicreques de man e luva, sombras chinas, bonecos tradicionais e máis encherán ata o domingo as rúas do concello no Festival internacional De Monicreques de Redondela.


Moi preto, en Pontevedra, no Recinto Feiral do Pazo da Cultura, celébrase o domingo o maior encontro de palilleiras do Estado que , cada ano, bate marcas de asistencia. Amais de poder ver en directo a arte de palillar, os asistentes poderán mercar encaixes feitos por elas e obxectos relacionados coa palillería e os seus labores.


A devoción á Santa Rita non falta esta fin de semana en diferentes concellos do país. En Vilagarcía comezan as festas na honra da virxe e para iso, amais de misas, teñen preparada unha completa programación. Concertos, pasarrúas, Feira Celta, Encontro Folclórico e ata Campionato de ximnasia rítmnica amenizarán a xornada do sábado e o domingo.

Os amantes do motor teñen unha cita en Vigo co renovado Rallie das Rías Baixas.O Rías volve este ano ao corazón da cidade rescatando o treito urbano do Castro. O que chegou a ser o mellor Rallie do Nacional de Asfalto e despois de dous anos de paréntese quere nesta nova edición recuperar o esplendor de antano.


Se son vostedes máis do mundo equino o Salón do Cabalo de Galicia agárdaos en Lugo. Unha nova edición de Equigal invade desde hoxe e durante toda a fin de semana o Pazo de Feiras e Congresos de Lugo de actividades deportivas, exhibicións e concursos dedicados ao mundo do cabalo.

Noticias web

17/05/2019