CRTVG

Buscar

Aviso laranxa no mar, con ondas de máis de 6 metros de mar de fondo

Publicado o 10/02/2020 13:59

A costa galega en alerta laranxa ata o mércores á mañá. Haberá refachos de vento que superen os 100 quilómetros por hora e ondas de máis de cinco metros nas provincias de Lugo e A Coruña. Esta madrugada rexistráronse ondas de máis de 5 metros en Estaca de Bares e fronte a cabo Vilán, e de máis de 4 metros na Coruña. O vento soprou con forza en Lugo, chegou aos 107 quilómetros por hora na estación de Viveiro.

"No que levamos de inverno non vas máis que un día ao mar ou dous a semana e se vas tres xa parece que ui é aquilo.... pero este ano o inverno na nosa costa peta duro. É un inverno moi duro. Nada non saímos. Unha semana e dúas parados", di José Domínguez, patrón maior da confraría de Corcubión. 

"Comezando por hoxe e remantando o mércores a primeira hora van a ser 48 horas nas que as ondas superen os cinco metros de altura. Esta tarde noite e toda a xornada de mañá, chegando no litoral da Coruña os seis metros de altura de mar de fondo. Hai que ter especial coidado a media tarde tanto de hoxe como de mañá porque cadrará coa preamar e hai lua chea, polo tanto hai un prisma de marea moi alto", afirma Juan Taboada, meteorólogo de Meteogalicia.

O mar estará bravo todo o comezo da semana en toda Galicia pero en terra vai ir mellorando.

"Galicia pouco a pouco vai quedando na zona de máis estabilidade así que ese vento que inevitablemente hoxe vai deixar choiva, sobre todo na provincia de Pontevedra e sur da Coruña, e pola tarde van irse abrindo claros. O que si notamos é temperaturas moi altas para esta época do ano. Hoxe imos superar sen problema os 15 graos. Mañá choverá un pouco na zona norte un pouco menos no sur. En definitiva en terra non hai ningún aviso polo que vai ser un tempo relativamente tranquilo e apacible", comenta Taboada.

O mércores volvemos ter vento do suroeste con entrada de moita humidade dende o mar. Así agárdase unha xornada de ceo moi anubrado con posibilidade de chuvia feble ao norte e ao oeste de Galicia. As temperaturas mínimas seguirán sen cambios mentres que as máximas ascenderán lixeiramente. Os refachos de vento soprarán frouxos do suroeste, aumentado a intensidade pola noite.

Noticias web

10/02/2020