CRTVG

Buscar

Actívase a alerta laranxa por ondas de ata 6 metros no litoral galego

Publicado o 02/10/2020 18:13

Toda a costa galega permanece en aviso laranxa desde este mediodía por mar combinado do noroeste e ondas de máis de cinco metros. A iso témoslle que engadir as mareas vivas pola lúa chea destes días.

A borrasca Álex xa está aquí e hoxe imos ter unha xornada complicada.

Na zona da Coruña, en terra, hai ata as seis da tarde un aviso amarelo por chuvia que, por momentos, está a ser intensa.

No mar a situación tamén é adversa. Durante toda a xornada estará activado un aviso laranxa por refachos de vento e grandes ondas. As ondas poderán superar os cinco metros de altura.

O que máis preocupa é esta zona de Riazor, porque as dunas que protexen da forza do mar aínda non están levantadas. O peor agárdase para as cinco e media da tarde, coincidindo coa preamar.

Por iso, desde o Concello xa teñen preparado un dispositivo de emerxencias composto por Policía Local, Protección Civil e bombeiros por se fose necesario cortar o paseo marítimo.

O primeiro envite da borrasca Álex tamén se deixou notar na Mariña durante a noite. A situación calmou pola mañá, pero non podemos confiarnos porque a previsión anuncia de novo un empeoramento.

Malia que non houbo incidencias, o vento soprou con intensidade en toda a Mariña durante a noite e caeron chuvascos fortes.

Rexistráronse refachos de vento de ata 132 quilómetros en Viveiro. A sensación térmica é de frío por mor do efecto do vento do noroeste e a baixada das temperaturas, pero a situación é de calma, á espera dun novo empeoramento nas próximas horas, sobre todo no mar, onde está activada a alerta laranxa por mar combinado e ondas que poden acadar os 7 metros.

As previsións apuntan a que esta borrasca nos vai seguir acompañando polo menos ata mediados da próxima semana.

As chuvias serán xeneralizadas en toda a comunidade na fin de semana e todo o litoral estará en alerta laranxa por forte temporal costeiro.

Noticias web

02/10/2020