CRTVG

Buscar

Aviso laranxa en toda a costa galega por ondas de ata sete metros

Publicado o 04/11/2019 16:14

Novembro anunciou a súa chegada, meteoroloxicamente falando, alto e claro. Fíxoo con Amelie, a primeira dunha serie de borrascas que durante toda a semana non darán moita tregua, e que esta fin de semana deixou, ademais de múltiples incidencias, vento e chuvia a esgalla.

Agora, a situación en terra dá un respiro en canto ao vento pero o peor está no mar. Meteogalicia activou a alerta laranxa en toda a fachada costeira, tanto para todo o día de hoxe como para a xornada do martes. Haberá ondas de máis de catro metros de altura que poderán acadar os sete metros, segundo advirte Alberto Romero, desde a axencia meteorolóxica galega.

Ante esta previsión, cidades como A Coruña manteñen pechado o acceso aos areais e mesmo tiveron que persuadir unha muller que se quería meter na auga. Desde o servizo de seguridade cidadá da capital herculina préganlle á xente que non se achegue á costa.

En localidades como Muros, os mariñeiros afánanse en traballos de mantemento e deixan os barcos amarrados.

O mar terá unha pequena tregua o mércores, pero a previsión de Meteogalicia apunta a un empeoramento o xoves que deixará novamente ondas superiores aos catro metros de altura.

Noticias web

04/11/2019