CRTVG

Buscar

Aviso amarelo por altas temperaturas no interior e no litoral de Galicia

Publicado o 16/07/2020 15:28

Os termómetros xa avisaban dende ben cedo. Pasadas as dez e media da mañá, en Vigo a temperatura ao sol era de 30 graos. Así que no centro da cidade toca refrescarse como se pode.

Son xa varios días de intensa calor e os mercurios non baixan. As praias son o gran reclamo tendo en conta que ás tres desta tarde se activa o aviso amarelo en todo o litoral da provincia de Pontevedra por temperaturas que poderían chegar os 34 graos.

Esta mañá na praia de Samil había máis xente na beira ao fresco que nas toallas. Tocaba bañarse e refrescarse porque as noites tampouco dan tregua, con termómetros hoxe e mañá que non baixarán dos 22 graos.

Tampouco se libra o interior deste aviso. No Val do Miño tamén estará activada esta alerta amarela por temperaturas que chegarán os 37 graos.

E a calor continuará mañá no sur da nosa comunidade. Así que estes días toca suar tanto no interior como na costa.

Noticias web

16/07/2020