CRTVG

Buscar

Auxilian unha menor en Lugo que tiña medo de ir á casa por ameazas da nai

Publicado o 19/02/2020 11:25
Auxilian unha menor en Lugo que tiña medo de ir á casa por ameazas da nai

Axentes do Corpo Nacional de Policía (CNP) asistiron onte pola tarde unha menor que se atopaba "en situación de desamparo", despois de que a nena pedise axuda a través do teléfono 091, porque tiña medo de ir á súa casa por mor das mensaxes de audio "ameazantes e inxuriosos" que lle enviaba a súa propia nai.

Unha patrulla da Brigada de Seguridade Cidadá achegouse ata o domicilio indicado pola menor, que estaba a esperar polos axentes na rúa.

Un deles quedou con ela, mentres o outro subiu ao domicilio no que estaba a nai, onde puido comprobar que, efectivamente, a muller "non se atopaba en condicións de coidar nin á menor nin a ela mesma".

Por iso, solicitaron a presenza do 061, cuxos profesionais sanitarios, despois de valorar o estado da muller, decidiron trasladala ao HULA para que puidese recibir tratamento.

Ante esta situación, a Policía Nacional puxo en marcha o protocolo de protección de menores en situación de desamparo e trasladou á nena a dependencias policiais, ademais de dar conta do sucedido á Fiscalía de Menores e á Xunta de Galicia, encargada de buscarlle á pequena un lugar para quedar.

Realizadas as xestións por parte da Xunta de Galicia, a Policía Autonómica ocupouse do traslado da menor a un centro adecuado, segundo informou a Comisaría Provincial. 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí