CRTVG

Buscar

Aumentan os casos activos en Galicia polo incremento (+24) na área de Lugo

Publicado o 09/07/2020 11:57

• En toda a provincia hai agora mesmo 190 persoas con coronavirus

• Sete persoas están hospitalizadas, pero ningunha na UCI

• Ourense, practicamente libre do virus, ao quedar só un contaxiado

A última actualización dos datos do Sergas debuxa unha Galicia con 11 casos activos máis, debido sobre todo ao incremento de infectados na área de Lugo. Nesa provincia hai a día de hoxe 190 persoas con coronavirus, ou o que é o mesmo, 24 máis ca onte. 

A segunda área con máis casos (24) é a de Vigo, onde se rexistran 10 casos menos. Na da Coruña hai outros 22, ou sexa, 3 menos.

Na outra cara está a provincia de Ourense onde unicamente queda un caso activo, ou a área de Ferrol que ten só dous, ou Pontevedra, con tres.

Non hai variación no número de hospitalizados: hai sete, ningún na UCI. O resto dos casos estanse tratando no domicilio dos contaxiados. Galicia leva case un mes sen falecementos por coronavirus. A cifra conxelouse o 10 de xuño: 619 mortos a causa da covid-19.

O Sergas dá por curadas outras 36 persoas. O número total de persoas que superaron a covid en Galicia é de 10.880. Nas últimas 24 horas, fixéronse máis de 3.200 PCR, unha das cifras máis elevadas durante a pandemia.