CRTVG

Buscar

Aumentan as visitas enolóxicas ao pazo de Rubiáns

Publicado o 22/07/2020 15:17

As rutas do viño polas adegas da denominación de orixe Rías Baixas están a ter boa acollida este ano, no que a xente demanda actividades ao aire libre lonxe de aglomeracións. No pazo de Rubiáns, en Pontevedra, teñen o dobre de reservas que o ano pasado.

O pazo de Rubiáns, no Val do Salnés, en Pontevedra, empezou a elaborar viño no século XV. Está aberto a visitas guiadas polo amplo xardín, entre viñedos e camelias, a adega e o propio edificio, que ten mais de 600 anos de historia.

"Unha maridaxe diferenciadora que vencella a historia dun parque botánico histórico co mundo do viño e tamén co fío condutor da camelia e da ruta da camelia", di Guillermo Hermo, un dos responsables das visitas.

"Estamos tendo unha media de visitantes superior á do ano pasado. A xente ten ganas deste tipo de actividades ao aire libre, e desfrutar gastronomía e viños", explica o voceiro do pazo.

"A variedade de uva, explicáronnos como se recolle todo, a verdade unha marabilla", comenta un visitante.

O pazo forma parte dos itinerarios do viño Rías Baixas, que incorporaron medidas especiais para protexer os turistas da covid-19. Os adegueiros prognostican que a colleita deste ano vai ser boa, polas altas temperaturas deste mes, as que se prevén para agosto e a chuvia do pasado xuño.

Noticias web

22/07/2020

Máis sobre Vilagarcía de Arousa