CRTVG

Buscar

Detectan dous gromos de covid-19 no hospital Arquitecto Marcide de Ferrol

Publicado o 11/01/2021 21:43

Ferrol xa ten unha incidencia da covid semellante á de Ourense e aproximándose á da Coruña e Santiago, as cidades en que se incrementaron as restricións esta fin de semana. Aquí, coma no resto de Galicia, están aflorando os contaxios tras as festas. E xa se nota cada día na presión asistencial e hospitalaria, onde se agarda o peor para finais de mes.

"Estase a notar en todos os hospitais galegos e tamén no noso. Estamos a recoller o aumento da socialización que houbo nestas datas de Nadal e como iso ven cun atraso de dez ou quince días aínda estamos lonxe de chegar ao punto máis complicado", asegura Ángel Facio, xerente da área sanitaria de Ferrol.

Ademais detectáronse dous gromos no terceiro andar do hospital Arquitecto Marcide, fóra da área covid. A zona está illada e prohibironse as visitas agás para acompañar dependentes e menores.

"Isto non se aborda dun único xeito. É importante establecer unha corentena para garantir que non se expanda a situación e, desde logo, tamén a limitación de visitas", explica o doutor Facio.

A incidencia da covid en Galicia aproxímase aos 300 casos por cada cen mil habitantes. Só as cidades de Pontevedra, Vigo e Lugo e as súas respectivas áreas sanitarias están por debaixo da media.

"O virus está circulando máis, temos máis infectados e corremos o risco de empeorar e ter incidencias tan altas como están tendo noutras cidades de Galicia", advirte o xerente da área sanitaria de Lugo, Ramón Ares.

Piden non baixar a garda en ningún lugar e extremar as medidas de hixiene e distanciamento social para frear a expansión da terceira vaga do virus.

Noticias web

11/01/2021