CRTVG

Buscar

Aumenta o malestar dos alcaldes polo acordo para a transferencia dos seus aforros

Publicado o 11/08/2020 14:44

Medra o malestar entre os alcaldes de toda España en contra do decreto do Goberno para a transferencia dos seus aforros. Agora mesmo, só os rexedores do PSOE están a favor de prestarlle ao Estado os seus remanentes. 

Calcúlase que os concellos de toda España teñen aforrados uns 15.000 millóns de euros. A proposta do Ministerio de Facenda é que os municipios lle transfiran eses cartos ao Estado, en forma de préstamo que lles van devolver en dez ou quince anos. E para animalos, o Goberno ofrécese a asumir os xuros que lles cobran os bancos por ter ese diñeiro parado. Pero aínda así, a idea non convence máis que os alcaldes do PSOE.

Os do Partido Popular xa anunciaron que non van ceder os seus remanentes e que batallarán legalmente para tombar o decreto. Antonio González Terol, vicesecretario de Política Territorial do PP, anunciou que van pedir a comparecencia urxente da ministra de Facenda no Congreso. Tamén dixo que van presentar un recurso de inconstitucionalidade contra este real decreto, animando a outras formacións políticas a que se sumen contra o que considera "un latrocinio".

Alcaldes de ata quince partidos diferentes rexeitan tamén o decreto. A última en pronunciarse foi a rexedora de Barcelona. Di que non vai entregar os aforros da cidade. Ada Colau declarou á prensa que "por riba do pouco que temos, o Estado pretende que llo deamos para que o xestione el e nos dea a nós unha pequena parte. Isto non é xusto". Pide, como o resto, dispoñer libremente deses cartos.

Pero o presidente da FEMP recórdalles que iso non pode ser por unha lei que aprobou o PP e que a proposta do Goberno é voluntaria. Para Abel Caballero, "o acordo non obriga a ninguén, e o que crea que non debe entregar os remanentes, que non os entregue. Faltaría máis. A lei que nos prohibe gastar os remanentes neste momento é a lei do PP".

O Goberno aínda ten que validar o decreto no Congreso, pero agora mesmo non ten os apoios necesarios.

Noticias web

11/08/2020