CRTVG

Buscar

Sobe o cultivo de aguacate no sur de Galicia, con varias hectáreas de plantacións

Publicado o 27/08/2019 18:43

• É máis rendible que a madeira

O ano pasado consumíronse en Europa 650 millóns de quilos de aguacate. E o mercado desta froita aumenta cada ano. No sur de Galicia temos xa varias hectáreas de plantacións. O cultivo prevese tan beneficioso que algunhas comunidades de montes están xa limpando parcelas para empezar a producir.

Cultivos Miñotos ten unha plantación de 2 hectáreas de aguacate no Rosal. En poucos anos, agardan que a explotación produza uns 30.000 quilos de froita ao ano. A demanda mundial de aguacate é enorme e os beneficios están practicamente asegurados.

Juan Ángel Pérez González, Cultivos Miñotos: "Os máis optimistas din que chegará un momento en que non haxa tanto aguacate para que consuma a humanidade. Agardo que non sexa así. Está moi demandado porque ten moita graxa omega, porque todos os nutricionistas o recomendan, porque é unha froita moi sa. Mentres haxa demanda e haxa terreo trataremos de plantar aguacate".

En Oia, moi preto desta explotación, a comunidade de montes de Mougás vai substituír 2 hectáreas de eucaliptos por aguacates. As primeiras árbores plantaranse esta primavera e, se se confirman os bos resultados, a explotación seguirá medrando.

Venancio Miniño, presidente da Comunidade de Montes de Mougás: "As contas son moito máis interesantes ca calquera produción forestal. De aguacate fálase de ingresos brutos de 7.000 a 9.000 euros por hectárea incluso chegando a 15.000, segundo o prezo de mercado dos últimos anos. En eucalipto estamos en 1.000 euros por hectárea ao ano e sempre e cando non arda antes dos 10 anos porque entón xa non temos nada".

​O cultivo do aguacate ten unha longa tradición no Baixo Miño. Os emigrantes retornados de América plantárono nas súas casas indianas e viron que aquí se daba moi ben. Daquela ninguén sospeitaba que esta froita podía converterse un día nun dos grandes motores económicos da comarca.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

27/08/2019